
A CIG planta a Mesa da Función Pública na que a Xunta pretendía impor, sen negociación previa, a mobilidade forzosa do persoal
Mobilidade forzosa do persoal
A CIG, ao igual que as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral, plantou a xuntanza convocada para a unha da tarde deste mércores ao considerar que non houbo tempo material para estudar a proposta (entregada o luns 11 de outubro) nin para o debate do documento, que a Xunta pretendía liquidar hoxe en tan só unha hora. Así, delegados e delegadas da área pública desenvolveron unha concentración diante da EGAP, onde ía ter lugar a xuntanza da Mesa Xeral, para manifestar o seu total rexeitamento á proposta de modificación presentada polo goberno galego, que unha vez máis, amosa a súa falta absoluta de vontade negociadora.
Mobilidade forzosa do persoal funcionario
Entre as modificacións que a Xunta pretende introducir destacan dous puntos polo seu carácter reaccionario e polo inmenso prexuízo que supoñen para a ordenación da Función Pública Galega: a mobilizade forzosa dos empregados/as da administración e á volta atrás no sistema de acceso ás Libres Designacións.
Na proposta trasladada ás organizacións sindicais, o goberno galego introduce unha modificación do Artigo 30 bis polo que se estabelece a mobilidade forzosa do persoal da administración, cuns criterios completamente arbitrarios, "por necesidades do servizo ou funcionais". Deste xeito, o persoal funcionario poderá ser trasladado forzosamente de localidade, Consellaría, unidades, organismos, axencias ou entidades distintas ás do destino definitivo como funcionario/a de carreira. No texto proposto, para estes traslados non se garanten nin a identidade de retribucións nin as condicións esenciais de traballo do persoal.
A proposta da administración consiste en dous sistemas de traslado forzoso: un ordinario, a través de comisión de servizos forzosa por un período de até nove meses, e un sistema extraordinario, a través da modificación na RPT da adscrición do posto de traballo. Esta mudanza podería afectar supletoriamente ao persoal de concellos e universidades públicas. Porén, nos corpos estatais (educación, sanidade, xustiza, etc.) prevalece sempre a normativa.
Regreso ao sistema de libre designación
En canto ás libres designacións, no artigo 30 realízase unha volta atrás, reintroducíndose o sistema de libre designación para os postos de nivel 28 (Xefaturas de Servizo), eliminando a forma de provisión por concurso que fora aprobada por unanimidade no parlamento galego na lexislatura anterior, e aínda pendente de efectivizarse. Deste xeito, péchase desde arriba a posibilidade de promoción profesional a través de méritos obxectivábeis e substitúese pola designación política dos responsábeis das unidades. Introdúcese ademais neste artigo 30 o concepto indeterminado de "dispoñibilidade horaria" para todos os postos de libre designación.
Unha vez máis constátase a nula vontade de transparencia e negociación deste goberno, no senso de que racha o acordo sindical acadado na anterior lexislatura relativo a promover polos sistemas ordinarios de provisións de postos de traballo os postos de libre designación. Cuestión esta que estaba pendente de desenvolver e efectivizar.
Dende a Área Pública da CIG quérese lembrar que nos sectores da saúde e do ensino existen marcos reguladores de obrigado cumprimento e que hai que respectar. De igual xeito, a central sindical rexeita calquera imposición por parte do goberno galego que non respecte as mesas sectoriais de negociación e que se pretenda implantar sen debater coa representación dos traballadores e traballadoras da administración pública.
A CIG vén reclamando unha reforma seria, profunda e negociada da Lei de Función Pública Galega dende hai anos, considerando que esta proposta de modificación queda fóra de todos os marcos de negociación e é unha mera imposición das decisións arbitrarias que adopta a Xunta de Galiza en materia de función pública.