A CIG participou na Mesa de Universidades do Ministerio de Ciencia e Universidades na que se está debatendo o Anteproxecto de Lei de Estatuto do PDI
A reunión estaba centrada nos capítulos I (disposicións xerais) e II (dereitos e deberes) do borrador do Estatuto de PDI
A segunda reunión da Mesa de Universidades para tratar o futuro Estatuto do PDI tivo lugar o día 4 de xuño, centrada como propuxera a representación da CIG na reunión anterior nos dous primeiros capítulos do borrador do Estatuto do PDI, deixando para seguintes reunións o resto do articulado.
A CIG considera urxente que se aprobe un texto para regular as desfasadas condicións laborais e salariais do PDI, despois que os anteriores intentos fracasaran. Por iso a CIG entende que é necesario que o Ministerio de Facenda participe nas negociacións. En anteriores ocasións as discrepancias con Facenda sobre a suba de nivel de TU e CU e sobre o desenvolvemento da carreira profesional horizontal -como existe no resto do emprego público- foron os elementos que descarrilaron o Estatuto do PDI. Repetir o mesmo erro ou aprobar un texto con escaso recorrido porque obvia estas cuestións non nos parece acertado.
En relación cos aspectos tratados ata o momento, a CIG expresou a necesidade de que o Estatuto do PDI incorpore a posibilidade que abre a LOSU de que as axencias autonómicas podan facer tamén a acreditación de PDI funcionario e a mención ao dereito a usarmos as linguas oficiais.
A CIG mostrou a súa preocupación pola forma en que se están interpretando as incompatibilidades do persoal interino de substitución (prohibición de investigación, denegación de compatibilidade con contratos a tempo parcial...). O Ministerio di que está buscando a vía de incorporar unha modificación nun texto legal en tramitación para solucionalo o antes posible.
Por outro lado a CIG propuxo que, para afrontar con plenas garantías o desenvolvemento do futuro Estatuto, debería incorporarse unha disposición final que habilite a un desenvolvemento regulamentario das partes que queden así previstas. O Ministerio respondeunos indicando que así se fará e que será mediante a publicación de sucesivos reais decretos e ordes ministeriais.
No apartado de dereitos e deberes a CIG alegou que considera que a ordenación dos dereitos non é a máis apropiada, suxerindo cambios para melloralos e sistematizalos. Canto aos deberes o sindicato tamén insistiu na necesidade de usar correctamente a filiación das universidades por parte do PDI, identificando en cal se desenvolve o traballo principal, evitando casuísticas como as recentemente coñecidas. Tanto nun caso como no outro, o Ministerio tomou nota das nosas propostas e aseguro que se mellorará a redacción e ordenación do documento e todo o relacionado coa filiación das universidades.