A CIG participa na terceira reunión co ministerio de universidades na negociacion do estatuto do PDI
O novo texto recolle varias das propostas feitas na última reunión
Nesta reunión, convocada co obxectivo de negociar os capítulos I e II do Anteproxecto de lei do Estatuto do Persoal Docente e Investigador, que abordan os dereitos e deberes do PDI, a CIG congratúlase de que varias das propostas feitas na última reunión estean agora contempladas no novo texto (acreditación nas axencias autonómicas, dereito ao uso das linguas oficiais…).
Aproveitamos para reiterar a necesidade de que durante este proceso de negociación estea presente o Ministerio de Facenda para que se garanta a viabilidade dos cambios, especialmente os que suponen aumentos retributivos pola carreira profesional e a suba de niveis, ao que o Secretario Xeral de Universidades responde cunha negativa contundente. A CIG considera que a ausencia do Ministerio de Facenda na negociación pode conducir a un bloqueo das negociacións se eses avances non se contemplan. Insistimos en que o Estatuto do PDI debe implicar a implantación da carreira profesional para todo o PDI, como sucede en todo o emprego público, e a suba de niveis do persoal funcionario para homologarse a otros corpos con semellantes responsabilidades ou cualificación.
Por outro lado trasladamos que hai que clarificar o ámbito de aplicación do Estatuto do PDI. Tendo en conta que o PDI funcionario e laboral teñen reximes xurídicos distintos, é preciso saber con precisión que partes se aplican ao PDI funcionario, cales ao persoal laboral e se as mencións ao persoal da lei da ciencia implican unha derrogación desta nos aspectos alí regulados, por ser esta unha lei posterior que derogarría o que a contradiga, ou debe precisarse que disposicións do Estatuto lle són de aplicación. Non procede incluir como PDI ao persoal de contratos de actividades científico-técnicas.
A CIG manifestou o seu desacordo co procedemento seguido por parte do Ministerio no que se refire ao sexenio de transferencia. A principio deste mes fíxose público o proxecto de Real Decreto que desenvolve o sexenio de transferencia e amplía o alcance dos quinquenios de investigación para o persoal da lei da Ciencia. Trasladouse á sociedade un borrador sen previa negociación cos axentes sociais cando é un tema que afecta directamente ás condicións de traballo do profesorado universitario. Pedimos por tanto que se nos convoque para a súa negociación neste foro. Non aceptamos a resposta do Secretario Xeral de Universidades intentando diferenciar o ámbito de negociación dunha norma que corresponde ao ministerio no que el está encadrado.
Durante a reunión o Secretario Xeral de Universidades informa de que se publicará estes días no BOE unha recomendación do Ministerio sobre os criterios básicos de acreditación de persoal permanente laboral (PPL) que serán os mesmos que para titular de universidade. Do mesmo informarase o vindeiro luns ás CCAA coas que terán unha reunión no que se trasladará esta recomendación á modo de orientación.
Tamén nos traslada que están traballando nun real decreto que dea pé ás universidades a velar polo funcionamiento ético e investigador.
Por outro lado teñen presente tamén a problemática que supón que a LOSU fixe que o profesorado substituto ten que traballar a tempo parcial e non pode facer investigación nin actividade de xestión, algo que está moi afastado da realidade en moitas universidades, e que terán que xestionar e resolver evitando a precarización do profesorado que está nesta casuística. Con casi 4000 persoas nesta situación estamos ante un escenario no que a negociación sindical é estrictamente necesaria.
Quedamos pendentes dunha nova reunión para negociar o Capítulo III e valorar as propostas concretas sobre o texto que vaiamos enviando as organizacións sindicais.