A CIG oponse ao proxecto de Real Decreto que regulará a entrada de ETTs na Administración Pública

As Federacións da Área Pública da central sindical apelan á responsabilidade da Xunta para que deixe sen aplicación a medida en Galiza

A CIG manifestou hoxe en rolda de prensa a total oposición ao Proxecto de Real Decreto presentado polo goberno español ás organizacións sindicais, polo que se regulará a entrada de empresas de traballo temporal nas administracións públicas para desenvolver tarefas que até agora realizaba persoal laboral da Función Pública. As Federacións da Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) valoraron moi negativamente esta normativa por canto supón un avance no proceso de privatización e desmantelamento progresivo dos servizos públicos e unha agresión ás condicións laborais dos/as empregados/as.

A Secretaria da CIG-Administración Pública, María Carme López Santamariña, lembrou que o sistema de acceso á Función Pública está recollido e claramente regulado na Constitución española e no Estatuto Básico do Empregado Público, e estabelece como criterios básicos a igualdade, o mérito e a capacidade, co obxectivo de garantir unha correcta prestación dos servizos. Criterios que ficarán desaparecidos se as contratacións se realizan a través das empresas de traballo temporal.

Para Anxo Louzao, Secretario da CIG-Ensino, esta decisión do goberno español supón unha volta máis no deterioro e a privatización dos servizos públicos e vén instalar as prácticas máis nocivas das relacións laborais dentro da administración. Neste senso, o Secretario da CIG-Ensino lembrou a oposición da central sindical á creación deste tipo de empresas e referiuse aos elevados índices de precarización aos que están sometidos as persoas que traballan a través delas, xa que as súas condicións salariais e laborais son moi inferiores ás do resto dos traballadores/as.

Aínda que o goberno español escusa a súa decisión argumentando que a entrada das ETTs está limitada a uns casos concretos, Louzao e Santamariña advertiron da posibilidade de ampliar estes supostos nos vindeiros anos. Até o de agora, as actividades nas que a administración tiña permitida a contratación a través de empresas de traballo temporal cinguíase á realización de enquisas, a toma de mostras e a servizos de carácter estatístico.

Segundo o texto do proxecto trasladado aos sindicatos, a partir da súa aprobación traballos relacionados co transporte e o mantemento tamén poderán pasar a ser desenvolvidos por persoal de ETTs. Prexudicando así ao persoal laboral de Función Pública que viña realizando estas tarefas e ao propio servizo achegado.

Volver