A CIG mantén o seu rexeitamento a asinar á proposta de regulación do teletraballo do Ministerio
Remataron xa as negociacións sen que se recolleran as aportacións da central sindical no EBEP
A Área Pública da CIG vén de manifestar a súa posición en relación coa negociación do grupo de traballo da mesa xeral de negociación das administracións públicas, creado para a regulación do traballo a distancia no EBEP. A central sindical mantén o rexeitamento a asinar a proposta porque a representación da administración do Estado non aceptou trasladar á parte dispositiva do EBEP (art.47 bis) a redacción aportada na última proposta da propia administración que figura na exposición de motivos.
Entre outras cuestións, a Área Pública da CIG defendía que se contemplara que a regulamentación do teletraballo non pode significar unha redución de dereitos das persoas administradas, nin das persoas empregadas públicas. Entende que “a modalidade de traballo en remoto non pode supor para a cidadanía unha brecha dixital coas administracións”, polo que demanda que estea garantida, en todo caso, a atención presencial permanente.
Por iso considera que a lei debe incluír a matización de que a modalidade de teletraballo non será considerada ordinaria, nin absoluta. Isto é, cada administración deberá analizar en cada ámbito e recoller na normativa reguladora, a porcentaxe de servizos que poden desenvolverse a distancia, combinando a presencialidade e o teletraballo.
O que se vén de aprobar é normativa básica e durante as negociacións o Ministerio indicou que sectores como o docente terían a súa propia normativa.
Neste sentido a CIG-Ensino considera que calquera desenvolvemento legal a nivel de teledocencia só pode ter lugar no ámbito galego xa que a Xunta ten plenas competencias en materia de persoal docente.
Voluntario e con dereito a desconexión
Para a central sindical tamén é necesario que se inclúa expresamente que o traballo a distancia ten quer “voluntario e reversible” e que non debe comprender a totalidade do horario laboral. Isto xunto co recoñecemento do dereito á desconexión dixital, subliñándose que “en ningún caso a administración poderá exixir a realización de tarefas nin recepción de documentación fóra do horario laboral”.
Debe ser ademais, a administración, que facilite, instale e manteña os equipos, aplicacións e conexións asumindo o custo de pór á súa disposición un espazo na vivenda da persoa traballadora e a adquisición de mobiliario.
Inviolabilidade do domicilio
A Área Pública da CIG demanda tamén que os dispositivos facilitados garantan a inviolabilidade do domicilio, “quedando expresamente prohibidos o uso de videocámaras, micrófonos ou programas de control, seguimento e monitorización do traballo”.
En todo caso, as administración teñen que estar obrigadas a proporcionar formación previa e continua ás traballadoras nas competencias dixitais necesarias para a prestación do traballo remoto; ten que garantirse o cumprimento das medidas de prevención, con avaliación dos espazos e lugares nos que se vai desenvolver a actividade.
Canles de comunicación
Xunto a estas cuestión, a CIG defende o establecemento de canles de comunicación e participación coa representación do persoal, facilitando a administración sistemas de comunicación instantánea, así como medidas de control e seguimento específico desta actividade.
A administración debe estar obrigada ademais a contratar un seguro que cubra as posibles incidencias no relativo á lei de protección de datos.