A CIG insta a AMICOS a tomar nota do malestar do seu persoal e a readmitir de inmediato o traballador despedido

Na tarde de onte concentráronse preto dun cento de persoas diante da sede da empresa en Boiro demandando condicións de traballo dignas

AMICOS non pode seguir facendo oídos xordos ante o clima laboral de coaccións que se vive na empresa, como ten denunciado publicamente a CIG-Ensino, despois do éxito na concentración que protagonizou onte o seu persoal en apoio ao compañeiro despedido por uns feitos dos que non é responsábel, como así se demostrará nos xulgados se non hai unha rectificación e é readmitido. O sindicato tamén denunciará ante a Inspección de Traballo os incumprimentos do convenio se non se negocian melloras laborais para un persoal que, malia a precariedade, presta un servizo de calidade aos usuarios e usuarias da asociación.

Na concentración interviñeron, ademais do traballador despedido, A.T.G., dúas delegadas sindicais que lle amosaron o seu apoio xunto cunha ampla representación do persoal da empresa que mesmo se uniu ao finalizar o seu turno laboral. En primeiro lugar centraron as súas reclamacións na inmediata readmisión do compañeiro ao que se lle imputan uns feitos que non son da súa responsabilidade porque non estaba co usuario que sufriu un accidente nas instalacións da empresa. A CIG-Ensino xa avanzou neste sentido que, de non haber unha rectificación por parte de AMICOS, serán os xulgados os que teñan que determinar se detrás desta decisión non se atopa tamén unha represalia pola afiliación sindical do traballador e unha forma de amedrentar ao resto do cadro de persoal.

 

En segundo lugar, as delegadas sindicais aproveitaron para lembrar que levan meses denunciando outras situacións laborais como as excesivas ratios de usuarios e usuarias que teñen que atender, os cuadrantes anuais que non se respectan modificándose máis do 10% da xornada anual en moitos casos e sen o aviso previo de 5 días que establece o convenio ou que non se cubran a totalidade das baixas nin as vacacións con máis persoal, o que leva aparellada unha sobrecarga de traballo en cada quenda. Con respecto a esta cuestión a CIG-Ensino recorda que AMICOS recibe moitas axudas públicas para garantir o seu bo funcionamento e que a calidade asistencial ten moito que ver coas condicións laborais do seu persoal que, con todo, segue poñendo o foco na atención dos usuarios e usuarias aínda que en moitas ocasións traballe nun clima laboral asfixiante polo autoritarismo e a arbitrariedade da xerencia. Alén disto ten que asumir responsabilidades como a administración de certos medicamentos (inxectables intramusculares por exemplo) para as que non está cualificado ante a falta de profesionais contratados para tal fin. Esta situación non pode pasar desapercibida para as familias usuarias cando continuamente se están producindo baixas de persoas que abandonan a empresa por non aguantar máis esta situación de presión.

Denuncia ante a inspección laboral

A CIG-Ensino recorda que o convenio de atención ás persoas con diversidade é un dos máis precarizados do Estado pero que a maiores AMICOS incumpre reiteradamente polo que levarán esta situación ante a Inspección de Traballo para que actúe. Con todo, pon en valor algunha das melloras acadadas nos últimos seis meses despois de obter representación na empresa. Malia as manobras por parte da dirección para evitar que sendo a organización máis votada non teña a presidencia do comité a presión exercida polas delegadas deu os seus froitos e conseguiuse, entre outras melloras, incrementar a formación para o persoal, acceder aos cuadrantes anuais de traballo, adaptar a xornada semanal das 40 horas ás 38 e media que explicita o convenio, poder escoller as vacacións sen a imposición unilateral da xerencia ou implantar a xornada especial de verán para determinadas categorías que así o permiten organizativamente.

O sindicato seguirá nesta senda de reivindicación dos dereitos laborais do persoal para evitar que se vulnere o convenio e se acaden condicións dignas e respecto polo seu traballo.

Volver