A CIG esíxelle ao MEFP o mesmo trato para o galego que para o castelán nas probas ABAU

O Ministerio fixo varios cambios no Proxecto de Real Decreto que regula a proba de acceso á universidade entre os que destaca a non obrigatoriedade de examinarse de Lingua Galega e Literatura II

Ademais tamén introduce outras modificación con respecto á súa proposta inicial, como a retirada da proba de madurez ou a elección entre Historia de España ou Historia da Filosofía.

A CIG-Ensino considera que a última versión presentada polo Ministerio de Educación e FP para regular a proba de acceso á universidade incide na discriminación das linguas cooficiais a respecto do castelán, ao deixar en man das Comunidades Autónomas a decisión de establecer a obrigatoriedade ou non de que o alumnado se teña que examinar de Lingua Galega e Literatura II. Desde o sindicato maioritario no ensino público galego quérese deixar constancia que, aínda estando de acordo en que as Comunidades Autónomas, como a galega, teñan maior ámbito competencial na ordenación académica e tamén no deseño desta proba, precisamente as modificacións introducidas polo Ministerio están vulnerando a igualdade que debe existir entre o galego e o castelán e pide a retirada concreta dese apartado ao entender que pon en entredito a realización das probas nas materias específicas da especialidade de Lingua e Literatura galega. 

Outras modificacións que non se contrastaron co profesorado

Desde a CIG-Ensino tamén se lle afea ao Ministerio que regule de costas ao profesorado sobre un tema no que a súa opinión debera contar, alén das achegas que as organizacións sindicais que o representan poidan facer chegar a través do Consello Escolar do Estado, un órgano consultivo e que non ten realmente poder para incidir nas decisións que toma a administración. De novo as normativas académicas ou ben se elaboran exclusivamente desde a sede ministerial ou se negocian coas administración autónomicas na Conferencia Sectorial pero non se elevan á Mesa Sectorial docente para darlle voz ao profesorado, que ve como se anuncian varios cambios ao longo dos últimos meses sobre unha proba na que a súa opinión debera contar. 

Algunhas das modificacións máis salientábeis con respecto ao anunciado inicialmente son a eliminación da proba de madurez cando menos para o vindeiro curso, a elección por parte do alumnado entre Historia de España ou Historia da Filosofía, o incremento da duración de cada unha das probas a 105 minutos ou a decisión por parte das Comunidades Autónomas con linguas cooficiais de que exercicios se van ter que realizar empregando no noso caso o galego, dado que as únicas que establece que teñen que ser no idioma de impartición son Lingua castelá e Literatura II e Lingua estranxeira II. Este último punto tamén é motivo de desaprobación por parte da CIG-Ensino que entende que, dada a aplicación do Decreto do Plurilingüismo en Galiza por parte da Consellaría de Educación, o galego queda relegado do seu uso e polo tanto da obrigatoriedade de amosar a súa competencia nas materiais científicas. Neste sentido, a proposta da CIG-Ensino pasa porque a nivel galego se regule un novo Plan de normalización lingüística nas aulas e que, no caso das probas ABAU cando menos a metade das mesmas, incluída a da materia obrigatoria da modalidade de Bacharelato que cursou o alumnado, se teña que realizar no noso idioma.

Volver