A CIG-Ensino xunto con representantes sindicais, estudantís e de pais e nais abandonan o Consello Escolar do Estado que debatía o anteproxecto da LOMCE

A CIG-Ensino pediu a retirada da reforma e presentou 83 emendas ao anteproxecto de LOMCE

A CIG-Ensino e o resto de organización sindicais, estudantís, de pais e nais e membros da Federación de Municipios e Provincias -aproximadamente o 40% dos membros que forman parte do Consello Escolar do Estado- abandonaron hoxe conxuntamente a reunión do organismo diante do atentado sen precedentes á liberdade de expresión que se produciu ao impedir o debate dun dos informes alternativos ao da Permanente do Consello Escolar sobre o anteproxecto de Lei de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE).

“É un feito insólito que non se ten producido en todos os anos de funcionamento do Consello Escolar con Gobernos de diferente signo. É máis que preocupante que se negue o debate e se persigan as ideas e ideoloxías que non concordan coas do PP”, denuncia o Secretario Nacional, Anxo Louzao, logo de abandonar o Consello Escolar do Estado, do que forma parte en representación da CIG.

A CIG-Ensino presentou un informe alternativo ao documento da Permanente do Consello Escolar do Estado e un total 83 de emendas ao anteproxecto de LOMCE. “Esiximos que se retire e que se abra un amplo debate social para dar un xiro de 180 grados a esta reforma”, engade Louzao.

No seu informe alternativo, a CIG-Ensino pide ao Goberno do Estado a retirada do anteproxecto para a reforma educativa porque supón  unha nova intromisión nas competencias das institucións galegas, non responde ás necesidades educativas de Galiza e está ao servizo de intereses económicos e ideolóxicos. Para a CIG-Ensino o procedemento foi totalmente antidemocrático e non se posibilitou a participación real dos diferentes axentes educativos.

En canto aos seus contidos, a CIG-Ensino considera que, sen realizar ningún diagnóstico serio e tomando como escusa o fracaso escolar, se propoñen cambios de gran calado que poñen en cuestión o dereito universal á educación, invaden competencias das comunidades autónomas, crean centros de elite e liquidan a xestión democrática dos centros. Estamos ante un novo ataque ás institucións e competencias galegas e un novo intento de centralización e españolización.

Trátase dun proxecto para pór a educación ao servizo dos mercados e das necesidades das empresas que conforma un sistema máis clasista, selectivo e que segrega coa pretensión de expulsar do mesmo os  fillos e fillas das clases populares, menosprezar o profesorado recortando os seus dereitos laborais e profesionais, eliminar a xestión democrática e reforzar a confesionalidade da educación en centros que segregan ao alumnado por razón de sexo. Moito nos tememos que, tendo en conta os recortes impostos nos últimos anos, tras a reforma se agache tamén a intención do goberno de Madrid de recortar aínda máis a educación (recorte de persoal, supresión de materias, ampliación das funcións e a posibilidade de desprazamento, amortización prazas, aumento do número de alumnos/as por aula, etc.). Esta auténtica contrarreforma educativa faise en función de intereses ideolóxicos e económicos e buscar uniformar o estado ideolóxica, política e culturalmente.

Igualmente, tal e como manifestou con anterioridade, a CIG-Ensino pide ao novo Goberno galego que fagan fronte a este novo ataque á nosa capacidade para construír o sistema educativo que queremos os galegos e galegas que de ningunha maneira apliquen recortes nas nosas competencias nin reforma regresiva algunha. Á súa vez, chama a toda a sociedade galega, aos axentes educativos e traballadores e traballadoras de educación a que fagan fronte a este novo ataque e a defender as nosas competencias en educación e os nosos dereitos e condicións laborais e sociais.

Podes consultar o informe alternativo presentado pola CIG-Ensino aquí

E nesta ligazón as emendas enviadas ao Consello Escolar do Estado segundo o modelo esixido.

Volver