A CIG Ensino xa presentou recurso contra a orde de permanencia dun integrante das direccións nos centros educativos
De non haber unha resolución efectiva hoxe neste sentido, a CIG-Ensino proporalle aos equipos directivos que presenten a súa dimisión como medida de presión diante da Consellaría.
A primeira hora desta mañá o sindicato presentou un escrito dirixido á Secretaría Xeral técnica da Consellaría da Presidencia da Xunta pedíndolle a anulación do parágrafo do apartado décimo da RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2020, onde se recolle esta obrigatoriedade. Así mesmo, tamén nos diriximos á Delegación do Goberno como responsábel neste momento das competencias autonómicas para que dea cumprimento ao R.D. polo que se decreta o estado de alarma e ao propio Código Civil
A CIG-Ensino vén de presentar un recurso dirixido á Secretaría Xeral Técnica da Consellaría da presidencia pola RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2020, pola que se dá publicidade ao acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19 (DOG 15 de marzo) estipula no apartado décimo que:
Nos centros educativos de todos os niveis de ensino non universitario de máis de seis unidades permanecerá en réxime de quendas só unha persoa do equipo directivo do centro das 10.00 ás 13.00 horas.
Cómpre lembrar que esta medida chega despois de tres cambios anteriores nas disposicións e obrigas para o persoal docente, sendo primeiro obrigatorio a asistencia de todo o profesorado durante a suspensión da actividade docente, despois indicando que debía acudir todo o profesorado que indicase a dirección, posteriormente a totalidade do equipo directivo mais non o resto do equipo docente e finalmente o que se recolle no citado apartado décimo.
Desde a CIG-Ensino consideramos que se está a vulnerar o dereito á saúde pública das persoas integrantes das direccións educativas, ademais de que esta resolución contradi claramente o artigo 9 do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, no que se indica o seguinte:
Artículo 9. Medidas de contención en el ámbito educativo y de la formación.
- Se suspende la actividad educativa presencial en todos los centros y etapas, ciclos, grados, cursos y niveles de enseñanza contemplados en el artículo 3 de la Ley Orgánica 2/2006, de 3 de mayo, de Educación, incluida la enseñanza universitaria, así como cualesquiera otras actividades educativas o de formación impartidas en otros centros públicos o privados.
- Durante el período de suspensión se mantendrán las actividades educativas a través de las modalidades a distancia y «on line», siempre que resulte posible.
Como é sabido o R.D. tamén suspendeu todos os procedementos administrativos polo que estes non hai ningún trámite que sexa necesario realizar fisicamente nos centros, e todas as recomendacións sanitarias inclúen a obriga de eliminar os desprazamentos que non sexan imprescindíbeis polo que a obriga de que arredor de 3.000 docentes teñan que realizar esta mobilidade implica un maior risco de contaxio tanto para eles como para a súa familia, así como un posíbel retraso na volta á normalidade se finalmente se produce algún caso positivo na súa contorna.
O sindicato tamén se dirixiu á Delegación do Goberno do Estado en Galiza, que nestes momentos ten o control sobre as competencias autonómicas, para que se tomen as medidas oportunas que fagan cumprir o dereito do persoal dos equipos directivos a permanecer no seu domicilio mentres dure o estado de alarma, e a poder estar dispoñíbel para todas as tarefas que se lles requiran a nivel telemático.
Proposta da CIG-Ensino
Se finalmente hoxe mesmo non hai un cambio nestas directrices por parte ou ben do goberno central ou do galego, o sindicato vaille propor aos equipos directivos dos centros galegos de máis de seis unidades -que son os que teñen a obriga de permanecer estes días presencialmente nos centros, segundo a última resolución da Xunta-, a que presenten a súa dimisión como medida de presión fronte ao sensentido e á irresponsabilidade da Consellaría que, en lugar de rectificar e velar pola seguridade sanitaria do seu persoal, se enroca na súa decisión sen dar ningún tipo de xustificación.