A CIG-Ensino volveu esixir que a Xunta elimine as desigualdades na FP na negociación do complemento compensador de 146,93 euros mensuais para o profesorado técnico a extinguir

Na Mesa Sectorial celebrada o 22 de marzo pediulle á Consellaría que iguale os dereitos retributivos tamén de quen vai pasar ao novo corpo de profesorado especialista de sectores singulares da FP tanto de forma fixa como temporal.

Así mesmo, para o sindicato maioritario no ensino público galego os efectos retroactivos no cobro do mesmo salario para quen está a desempeñar o mesmo traballo deben ser desde a entrada en vigor da LOMLOE ou desde que unha persoa comezou a traballar, se foi con posterioridade. Aproveitou para insistirlle á Consellaría que destine os fondos que están a vir para a Formación Profesional para o verdadeiro artífice do seu éxito: o colectivo docente.

A CIG-Ensino volveu esixirlle á Consellaría de Educación que elimine as discriminacións entre o profesorado de FP na mesa de negociación na que se debateu a Orde que rexe o procedemento para que o colectivo de PTFP, a extinguir, formado por 665 persoas en Galiza, cobre un complemento equiparador de 146,93 euros ao mes, con respecto ao profesorado que pasa ao corpo de Secundaria. Na proposta que formulou a CIG-Ensino sobre o propio texto, e que se pode consultar nesta ligazón, hai varios eixos que inciden nesta demanda de igualdade: 

  • En primeiro lugar non parece razoábel que a Consellaría só aplique este complemento compensador cunha foto fixa a día de hoxe a quen queda como funcionariado de carreira a extinguir no corpo de PTFP e se lle vete a mesma retribución a quen vai formar parte do novo corpo de PESSFP das 10 especialidades que o conforman. O 1 de setembro de 2023, que é a data na que segundo o borrador presentado pola Consellaría se vai facer efectivo este complemento, haberá 50 novos compañeiros e compañeiras que veñan de obter praza nos procedementos de estabilización e que quedarán á marxe deste complemento, ao igual que todo o persoal interino e substituto destas 10 especialidades que traballe o vindeiro curso. A CIG-Ensino propuxo unha modificación do texto da Orde neste sentido, insistindo en que o complemento equiparador debe ser de aplicación a todo o persoal que forme parte no futuro do corpo de PESSFP e incidindo en que a diferenciación entre persoal fixo e temporal vai en contra do ditaminado pola xurisprudencia europea e que rematará nun proceso de xudicialización de non haber vontade política para resolver esta discriminación.

A CIG-Ensino tamén fixo mención específica a que, ao igual que o resto de complementos salariais que abona a Consellaría de Educación ao seu persoal docente, se incorpore no texto desta Orde a súa revalorización anual nos Orzamentos Xerais da Xunta. Igualmente pediuse expresamente que tamén se iguale a percepción dos trienios.


  • Efectos retroactivos para todo o persoal de FP coas mesmas condicións. Outra das cuestións que está nas mans da Consellaría resolver e que só rectificou timidamente é a data de efectividade económica tanto do complemento para quen non pode integrarse como de quen, tendo titulación universitaria, está a piques de facelo. Non parece tampouco de recibo que a administración decidira só pagarlle con retroactividade a quen cumpría os requisitos para pasar ao grupo A1 e se xubilou no período que vai desde a entrada en vigor da LOMLOE até a publicación da Orde de integración. Esta decisión, que a CIG-Ensino considera acertada, queda curta e, tal e como lembrou o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, na súa intervención na Mesa Sectorial, “o que ten que facer a Consellaría é recoñecer por igual a contribución do persoal de FP ao bo desenvolvemento destas ensinanzas, a quen estivo en activo até agora e a quen seguirá nos próximos anos”. Polo tanto, a central sindical propuxo directamente incluír no articulado da Orde que se lle paguen os atrasos desde o 19 de xaneiro de 2021 a quen traballaba como persoal interino nesa data, tanto se se vai integrar nas 19 especialidades que pasan ao corpo de PES como a quen queda no corpo de PTFP a extinguir como a quen pasará a formar parte a partir do 1 de setembro de 2023 do corpo de PESSFP. Neste sentido, a CIG-Ensino lembrou que xa está presentado recurso xudicial tanto individual como do propio sindicato para que quen aprobou as oposicións en 2021 e pasará agora ao corpo de PES vexa recoñecido o ano de prácticas a todos os efectos e os mesmos pasos se darán co persoal interino. 
  • Profesorado especialista de especialidades de FP propias da Consellaría de Educación. Hai nestes intres 12 especialidades que a Consellaría de Educación foi creando nos últimos anos para dar saída ás necesidades que se producían na Formación Profesional de profesorado especialista que nunca tivo oposicións e que formaban parte do corpo de PTFP. A Consellaría vén de incluír estas especialidades na Orde que regula os destinos provisionais no corpo de Profesorado de Ensino Secundario, unha decisión que a CIG-Ensino comparte pero que debe vir acompañada dun recoñecemento igual que o resto de compañeiros e compañeiras que pasan ao grupo A1. A CIG-Ensino non se esquece destas 73 persoas, segundo un estudo realizado polo sindicato a partir dos datos proporcionados pola Consellaría, e reclama que cobren tamén de forma retroactiva o que lles correspondería desde que comezaron a traballar ou desde xaneiro de 2021.
Datos do colectivo de FP segundo a súa situación administrativa 
 
Funcionariado de carreira
Profesorado interino*
total
Profesorado de especialidades que se integran en PES
1008
374
1382
Profesorado de especialidades de PESSFP
665
173
838
Profesorado noutras especialidades
13
60
73
Profesorado xubilado entre xaneiro do 21 e a data do inicio de integración en PES
 
44
 
 
44
Total
1730
607
2293

  *Nota: datos de interinidades a comezos deste curso.

CIG Informa Mesa Sectorial complemento equiparador PTFP a extinguir

Documento


Volver