A CIG-Ensino volve solicitar ao Ministerio unha solución para o PTFP discriminado no proceso de integración en PES e critica a expansión da Dual no novo RD de ordenación da FP

Na Mesa Sectorial docente celebrada o 23 de febreiro o sindicato galego foi a única organización que manifestou a súa oposición á “dualización” da FP que vai significar menor calidade educativa, redución de persoal e maior privatización destas ensinanzas

Con apenas tres días hábiles para poder facer achegas a un documento de 226 páxinas o sindicato maioritario no ensino público galego manifestou a súa postura sobre este proxecto de RD que introduce, entre outros aspectos novidosos, a creación de itinerarios integrados que aglutinan dous títulos ben do mesmo grao educativo ou diferente; a posibilidade de que o profesorado do sistema educativo imparta os graos A, B e C de formación permanente para o emprego e de acreditación de competencias; a creación de un novo módulo obrigatorio en FP básica e de cinco novos módulos en Ciclo Medio e Superior e a desaparición dos módulos de FOL, Iniciativa emprendedora e FCT, este último substituído por un maior tempo de formación na empresa que, na modalidade dual intensiva, poderá ser de ata o 50% do total do currículo dos títulos; a creación de catro novas figuras de coordinación dentro dos centros educativos e a posibilidade de que estes contraten externamente tres novos perfís: persoal experto do sector produtivo, sénior de empresa ou colaborador para funcións docentes ou de actualización dos currículos dos títulos. Na reunión, a CIG-Ensino amosou a súa preocupación pola proliferación cada vez maior de oferta privada de FP, que se está financiando con fondos públicos, e de que as administracións non lles esixan a estes centros os mesmos requisitos de espazos e de material, así como de titulación e de formación pedagóxica para o seu profesorado.

Despois de que se filtrara á prensa e se celebrara un Consello Xeral de FP con urxencia a semana pasada, o borrador do RD de ordenación da FP que quere aprobar o Ministerio de Educación e de Formación Profesional nos próximos meses pasou onte pola Mesa Sectorial docente, máximo órgano a nivel estatal das negociacións que teñen que ver coas condicións laborais do profesorado. A CIG-Ensino, que está presente en dito órgano por ser o sindicato máis representativo en Galiza, afeoulle aos responsábeis do Ministerio que lles fora remitido o documento con tan só 3 días hábiles de antelación, coincidentes con período non lectivo en Galiza, o que limitou considerablemente as posibilidades de poder estudalo e contrastalo co profesorado destas ensinanzas. En calquera caso, seguirá recollendo achegas do colectivo docente para a súa presentación a través do Consello Xeral de FP e do Consello Xeral do Estado, órganos consultivos nos que tamén ten representación.

A situación do profesorado técnico de FP, un conflito aínda aberto 

A central maioritaria no ensino público galego aproveitou ademais esta reunión para lembrarlle ao secretario xeral técnico do MEFP, Santiago Roura, que segue pendente de resolverse a situación de discriminación ocasionada tras o proceso de integración do PTFP no corpo de PES. Un procedemento que, segundo ten constancia a CIG-Ensino, en Galiza está próximo a culminarse para quen cumpre os requisitos establecidos no RD 800/2022. En concreto, a secretaria de Acción Institucional e Área Pública, Laura Arrojo, lembrou que a súa central ten interposto demanda xudicial para que se lle recoñeza ao persoal interino e a quen aprobou a oposición despois da entrada en vigor da LOMLOE o cobro con efectos retroactivos desde xaneiro de 2021 e pediu explicacións sobre as xestións que asegurou o conselleiro de Educación se están a facer na Conferencia Sectorial, e mesmo co Ministerio de Universidades, para facilitar o paso ao grupo A1 para o profesorado que ten titulación superior de FP. En liñas xerais o secretario xeral técnico dixo que “no que ten a ver coas competencias ministeriais este tema está pechado, que o persoal interino non pode verse afectado por algo que está regulado para funcionariado de carreira, que a pertenza ao grupo A1 non está relacionada co desempeño dun posto de traballo senón que vén regulada polo Estatuto Básico do Empregado Público e que o complemento salarial é competencia das CCAA”. A preguntas concretas da representante da CIG-Ensino sobre contactos entre o Ministerio de Educación, o de Universidades, as Comunidades Autónomas e as Universidades para facilitarlle ao profesorado técnico con Ciclo Superior, mediante a convalidación de créditos pola súa experiencia docente e a súa formación académica, a obtención dun grao antes de xaneiro de 2026, os responsábeis do Ministerio non fixeron ningunha aclaración. Sobre este punto o secretario xeral técnico volveu incidir en que “o conselleiro galego lle remitira un acordo do Parlamento de Galiza para que o Ministerio incluíra a todo o profesorado técnico no grupo A1, cuestión que non tiña nada que ver co desempeño senón coa titulación”.

Máis sombras que luces no novo RD de ordenación da FP 

Malia que moitas das cuestións que reflicte o borrador deste RD xa emanan directamente da Lei Orgánica da Formación Profesional, que contou co beneplácito das outras organizacións sindicais, para a CIG-Ensino esta norma incide nalgunha das cuestións que máis lle preocupan da deriva actual que están sufrindo este tipo de ensinanzas: privatización, burocratización e “dualización”. 

Con respecto a este último punto o sindicato galego foi a única organización sindical que se manifestou contraria á extensión da FP Dual tanto na Lei Orgánica como neste RD, lembrando que a súa implantación fora unha imposición da UE na anterior crise para recibir fondos de rescate. Neste sentido, Laura Arrojo indicou que non hai ningún dato que avale a suposta maior inserción laboral do alumnado que cursa esta modalidade e que unha das principais queixas do profesorado é que, ata o de agora, “non serviu para mellorar a calidade educativa, que limita moito a formación descontextualizándoa de cada un dos sectores no seu conxunto, que as empresas demostraron que non teñen capacidade para formar o alumnado e que, a curto prazo, vai implicar o desmantelamento dos centros de educación públicos e a redución de persoal docente”. “Na práctica, -engadiu- supón unha involución na Formación Profesional, volvendo aos contratos de aprendices, e dándolle un maior peso ás empresas tanto na selección, como na formación e ata na avaliación do alumnado, cando o éxito da actual FP radica na profesionalización do seu persoal docente”.

As consecuencias da dualización da FP 

Actualmente en Galiza o peso do módulo de Formación en Centros de Traballo nun ciclo de FP básica é do 16% e en Ciclos Medios e Superiores do 20,5% e realízase no segundo curso. Coa redacción actual deste decreto auméntase o tempo de permanencia na empresa, distribuíndose nos dous cursos, ata o 20% en FP básica e entre o 25 e o 35% en CM y CS. Na Dual intensiva fíxase que até o 50% do currículo dunha titulación se poderá realizar na empresa. Tal e como nos transmite o profesorado, a adquisición de Resultados de Aprendizaxe de todos os módulos nas empresas xa desde primeiro curso, algo que en FP básica e Ciclo Superior xa é de por si cuestionable pola idade e madurez do alumnado, deixa nun papel secundario a formación integral que se oferta nos centros e o criterio do profesorado, que se ve obrigado a avaliar competencias e habilidades sen poder cotexar realmente que foran adquiridas. Tanto a modalidade extensiva como a dualización da FP xeral vai supoñer, polo tanto, unha menor carga lectiva nos centros e unha menor necesidade de profesorado.

Privatización 

Outra das críticas que centraron a intervención da representante da CIG-Ensino na Mesa sectorial foi a crecente privatización destas ensinanzas, sobre todo na oferta de Ciclos Medios e Superiores. “Nestes intres hai moitos centros que están impartindo ensinanzas de FP homologadas polas administracións educativas cuxo persoal docente no ten a capacitación pedagóxica que se exixe para impartir docencia no sistema público. Este RD blinda que siga sendo así, ao fixar que simplemente o 60% de persoal docente destes centros teña titulación superior ou equivalente a efectos de docencia para impartir estas ensinanzas, pero sen especificar que conte coa formación pedagóxica exixida nos centros públicos, polo que se produce un agravio comparativo que ten repercusión directa na calidade educativa. Ademais, introduce a posibilidade de que os centros privados contraten persoal experto, con experiencia profesional de, cando menos, 4 anos. Temos a certeza de que se os requisitos do profesorado e as súas condicións laborais foran iguais ás do sistema público desaparecerían máis da metade de centros privados que hoxe en día ofertan ciclos e que consideramos que non están sendo inspeccionados polas administracións como deberían en canto ao cumprimento da normativa existente que, xa de por si, é demasiado laxa á hora de conceder concertos ou autorizar ciclos privados. Recordamos que os grados D e E son fundamentalmente ensino postobligatorio no que non deberían ter cabida os concertos e que, se está sendo explotada como negocio polas empresas privadas, estas deben ofrecer os mesmos estándares de calidade que calquera outro centro educativo”, incidiu. 

Burocratización 

Outra crítica unánime entre o profesorado de FP é que coa implantación dos sistemas de calidade incidiuse na burocratización tanto interna como externa do funcionamento dos centros educativos. Hai un antes e un despois de que os Centros Integrados asumiran este sistema que no artigo 222 parece que quere estenderse a calquera no que se imparta FP. Non hai que esquecer que, ademais de terse demostrado a súa inutilidade para a mellora da atención educativa e do traballo nas aulas tamén supón unha privatización encuberta ao derivar a empresas certificadoras externas labores que lle corresponden á inspección educativa”, sinalou Laura Arrojo sobre este punto.

Persoas expertas dos sectores produtivos e colaboradoras externas

Un punto que no que a representante da CIG-Ensino se detivo con bastante detalle foi nos artigos que van do 170 ao 174 e que se engloban no título do RD dedicado ao profesorado. Neles fálase de que as administracións educativas poderán incorporar distintos tipos de perfís externos “para garantir o dominio de procesos específicos do sector produtivo”. Aínda que na Lei Orgánica se introducía a salvagarda de que antes de levar a cabo estas contratacións excepcionais as administracións deberán abrir listaxes de substitucións e que estas deberán esgotarse, o RD dálle unha redacción máis posibilista a este punto diferenciando varias figuras: 

  • Persoa experta do sector produtivo: “para cubrir as necesidades de formación nas ofertas de formación profesional poderá ser contratada esta figura en réxime laboral polas administracións competentes ou directamente polos centros educativos e manterse como activa no sector produtivo, sendo o labor docente o seu segundo traballo. Os documentos de avaliación, concretamente as actas, serán asinados conxuntamente co responsábel da oferta formativa”. Na norma contémplase que as administracións poderán ofertar formación didáctica e que esta terá carácter voluntario.
  • Persoa sénior de empresa: Ademais de para o mesmo fin que a anterior, “para garantir a permanente actualización dos currículos nos centros e a súa relación coa realidade produtiva poderán contratarse estas figuras, ou ben directamente ou mediante acordos con empresas e organismos equiparados, a xornada parcial, de forma que as función docentes se consideren un segundo posto de traballo por razóns de interese público”. No tocante á avaliación mantén a mesma redacción que a figura anterior e non inclúe ningunha referencia a que poidan recibir formación pedagóxica. Neste caso, o RD estabelece que a persoa sénior de empresa non ten sequera que contar coa titulación requirida como norma xeral para impartir docencia na FP. 

A CIG-Ensino amosou o seu rexeitamento á creación destas figuras tendo en conta que nestes intres xa existe a posibilidade de contratar profesorado especialista mentres o persoal docente adquire as competencias para impartir unha área concreta, unha opción que, segundo os responsábeis do Ministerio, vai seguir vixente. “A solución, desde o noso punto de vista, non é recorrer a contratacións discrecionais de profesionais sen formación pedagóxica nin experiencia docente por parte dos propios centros, senón formar ao profesorado do sistema público nas necesidades que se detecten para que este poida despois aplicar esas competencias adquiridas na aula”, explicou a representante da CIG-Ensino. 

  • Experto sénior docente. Sobre esta figura o sindicato tamén foi contundente amosándose totalmente en contra de que se promova a continuidade no servicio activo de docentes xubilados ou xubiladas, aínda que sexa de forma “oculta ou disimulada”, e aínda por riba de maneira gratuíta para as administracións. “Preocúpanos especialmente esta cuestión, porque non figura na Lei Orgánica. Somos conscientes da valía do persoal con maior experiencia, mais non podemos admitir esta proposta por ser incompatible coa súa verdadeira situación de “pensionista”, sentenciou.
  • Persoas prospectoras de empresas. Desde a CIG-Ensino tampouco ven ningunha necesidade de incorporar ao sistema público da FP esta figura que, segundo a norma, “con carácter docente ou non, servirá para facilitar o contacto entre os centros e as empresas ou organismos equiparados”. Neste sentido Laura Arrojo manifestou que “esta medida parece responder a contentar á cadea de intermediarios coa que conviven as empresas no sector produtivo e non é necesaria se se reforza a función da orientación pedagóxica e laboral dentro dos propios centros educativos, en lugar de idear novas estratexias para contentar á patronal”.
  • Persoal de apoio especializado a persoas con discapacidade. Para o sindicato nacionalista a redacción deste artigo queda incompleto porque non se garante a atención á diversidade que existe hoxe en día nas aulas sobre todo dos graos D e E. “Desde a CIG-Ensino exiximos a incorporación de profesionais, en todo o sistema público educativo e neste caso na Formación Profesional, capaces de poder detectar dificultades de aprendizaxe do alumnado e de adaptar as ensinanzas ás súas necesidades específicas, sexan estas do tipo que sexan”. 

En resposta ás críticas da CIG-Ensino á creación por norma destas figuras os cargos do MEFP indicaron que xa existen noutros países, que estaban seguros de que ían contribuír a crear un modelo punteiro e de que responden a dar solución á demanda existente de profesorado de FP cualificado que hai nestes intres, un problema que tal e como lles fixemos saber en Galiza de momento non acontece. 

Novos perfís nos centros do sistema de formación profesional

Contémplase que as administracións provean a presenza de figuras como a de responsábel de innovación de FP, responsábel de internacionalización de FP, titor/a dual do centro para cada grupo e responsábel coordinador/a do servizo de orientación profesional, emprendemento e o procedemento de acreditación de competencias profesionais, cando non se conte coa figura específica de orientación. Neste sentido a CIG-Ensino solicitou unha modificación do RD que regula o concurso de traslados para que todas estas responsabilidades puntúen no baremo, toda vez que os complementos salariais ou a redución horaria dependen no caso de Galiza da Consellaría de Educación.

Condicións laborais, horario e formación permanente do profesorado 

O sindicato amosouse de acordo con que o persoal pertencente aos tres corpos docentes do sistema educativo[1] poida realizar accións formativas de graos A, B e C[2] en calquera das súas modalidades, como xa viña ocorrendo ata o momento, sempre e cando esta actividade non supoña unha prolongación da xornada laboral semanal. “Desde a CIG-Ensino sempre defendemos que no sistema educativo público non teñen cabida “as horas extra” sendo necesaria unha aposta decidida polo aumento dos cadros de persoal docente, a volta ao horario lectivo de 18 horas máximas semanais e a diminución das ratios”. 

Sobre o artigo 175 que fala da formación permanente do profesorado para a CIG-Ensino este é un dos piares fundamentais sobre os que debe xirar a actuación e o esforzo das administracións educativas “e máis nun tipo de ensinanzas que requiren de actualización constante tanto a nivel de procesos de produción como de metodoloxía didáctica polo que exiximos que se garanta que a formación permanente se realice en horario lectivo. En relación con isto, e aproveitando que o RD marca ben claro que as persoas expertas alleas ao sistema educativo cumprirían a lei de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, o sindicato solicitou que se teña en conta, ao igual que vén de regularse no Anteproxecto de Lei de Ensinanzas Artísticas Superiores, a demanda do profesorado de FP de poder obter licencias para realizar proxectos profesionais que redunden nunha maior formación e actualización profesional. 

Na norma tamén se habilita “a creación de centros de segunda oportunidade que traballarían con alumnado de 16 a 29 anos, sen titulación profesional e en situación de desemprego, con especial atención a aqueles en situación de abandono escolar  ou con especiais dificultades formativas e que poderán ser xestionados por administracións locais, organismos que tamén poderán ofertar formación profesional”. Neste punto a CIG-Ensino reiterou que os centros públicos ordinarios, co necesario aumento dos cadros docentes, poden atender estas necesidades socioeducativas sen necesidade de crear centros específicos e fixo fincapé en que en Galiza se precisa de oferta sobre todo dos graos A, B, C e D (FP básica e CM sobre todo) nas zonas rurais para garantir a equidade no acceso á educación e á formación para o emprego

Neste sentido tamén se amosou desconforme con que os concellos asuman a impartición dos cursos preparatorios para o acceso a ciclos formativos, toda vez que este RD regula por fin a periodicidade anual dos mesmos e pediu que sexan os propios centros de ensino os que os impartan. 

Novos módulos nos currículos dos títulos e actualización destes 

O novo RD fixa a desaparición, alén do módulo de FCT que será substituído como xa se indicou pola adquisición dos resultados de aprendizaxe dos distintos módulos cunha maior permanencia na empresa, dos módulos de FOL e Iniciativa Emprendedora. Segundo dixeron os responsábeis ministeriais isto último a petición do propio profesorado que os impartía. No Ciclo de FP básica inclúese un novo módulo denominado Itinerario persoal para a Empregabilidade e nos CM e CS este módulo ofertarase cun mínimo de 50 horas en cada un dos cursos. Así mesmo introdúcense como obrigatorios os módulos de Inglés técnico (50 horas), Dixitalización aplicada ao sistema produtivo (30 horas) e Sustentabilidade aplicada ao sistema produtivo. A CIG-Ensino pediu aclaracións sobre as especialidades docentes que van ter atribución docente con respecto a estes novos módulos. No caso do de Empregabilidade aseguróusenos que serían sendo as especialidades de FOL e ADE como até o momento mentres que no resto todo apunta a que será calquera docente das especialidades asociadas ao ciclo formativo correspondente segundo unha resposta a unha pregunta similar formulada polo representante da CIG no Consello Xeral de FP. Na Mesa Sectorial os responsábeis ministeriais aclararon que dita atribución se recollerá na actualización de cada título pero que “é obvio que non é o mesmo impartir dixitalización a nivel xeral que para un ciclo específico da rama agraria por exemplo”. Precisamente sobre cando se vai realizar a reordenación dos currículos dos títulos, algo que lle preocupa á CIG-Ensino dado que en todo o contido do proxecto do RD non queda claro o calendario de implantación do mesmo, os responsábeis do Ministerio indicaron que sobre os módulos que aparecen e desaparecen pensan publicar 3 RD complementarios que modifiquen os anexos de cada título. Con respecto á actualización completa dos títulos, toda vez que na disposición adicional décima se indica que se fará por “orde ministerial, que terá carácter de norma básica”, a CIG-Ensino lembrou que nestes intres aínda se están impartindo ciclos LOXSE, ao que os responsábeis ministeriais responderon que crían que mediante esta fórmula da Orde ministerial, e non a de modificar un RD que pode levar máis dun ano, poderán ser máis áxiles. 

Con respecto ao módulo de Inglés técnico desde a CIG-Ensino pediuse máis flexibilidade á hora de fixar o idioma estranxeiro dependendo dos sectores produtivos ou das características do territorio e puxo como exemplo a utilidade do francés na comarca de Vigo sobre todo nos ciclos da familia de Automoción dada a implantación dunha multinacional francesa deste sector ou do portugués por proximidade ao noso país veciño e os intercambios empresariais e comerciais existentes.

Redución de ratio alumnado/profesorado en ofertas de Grados D e E. 

Na norma estabelécese que no curso 28/29 a ratio máxima nos ciclos formativos de Grado Básico serán de 20 estudantes e no resto (CM, CS e Cursos de especialización) de 25. Na Mesa Sectorial a CIG pediu que se acortara o prazo para acadar este obxectivo, “toda vez que despois dos desdobres autorizados durante a pandemia como se puido constatar nos centros nos que se autorizaron en Galiza mellorou considerablemente o rendemento académico do alumnado e a calidade educativa”. Sobre este punto os responsábeis ministeriais dixeron que fora unha petición das CCAA manter esta data porque esa redución de ratios vana ter que asumir orzamentariamente estas administracións. O sindicato tamén solicitou que se modificara a redacción do punto 2 da disposición adicional sexta para incorporar a obrigatoriedade de desdobres nos módulos que teñan que impartirse en talleres, laboratorios ou outros espazos similares cando se exceda a cifra de 12 alumnos o alumnas e non que se deixe en “posibilidade”, ao que o Ministerio non respondeu.

 [1] - De catedráticos/as de ensino secundario e de profesorado de ensino secundario, das especialidades de formación profesional.

    - De profesorado especialistas en sectores singulares de formación profesional.

    - Do corpo a extinguir de profesorado técnico de formación profesional.

 [2] Grao A: Acreditación parcial de competencia (niveis 1, 2 ou 3).

   Grao B: Certificado de competencia (niveis 1, 2 ou 3).

   Grao C: Certificado profesional (niveis 1, 2 ou 3).

CIG Informa Mesa sectorial docente estatal sobre o RD de ordenación da FP

Documento


Volver