A CIG-Ensino volve esixir coordinación entre o MUFACE e a Xunta para que todo o profesorado dos centros públicos entre nos cribados poboacionais

Defendemos que sexa o sistema sanitario público o que as coordine e que se inclúa a todo o persoal docente por estar prestando servizos esenciais, con independencia dos necesarios acordos de colaboración coas entidades privadas a través de MUFACE

Segundo nos confirmou hoxe o SERGAS os cribados nas grandes cidades seguirán deixando fóra os traballadores e traballadoras públicos que teñen prestación sanitaria privada por problemas de xestión e tan só cando se desprace unha unidade móbil a unha determinada localidade ou centro educativo con alta incidencia de casos se terán en conta as listaxes de profesorado enviadas pola Consellaría de Educación. Desde o sindicato insistimos en que o fin destes cribados ten que ser abarcar a maior poboación posíbel e que a xestión ten que ser coordinada polo SERGAS. Neste sentido o sindicato bota de menos que haxa unha directriz única desde o ámbito público de obrigado cumprimento para as entidades privadas colaboradoras con MUFACE.

Tras contactar de novo co SERGAS confírmannos que os cribados que se seguirán realizando nas grandes cidades estes días non incluirán o profesorado adscrito ao mutualismo administrativo con prestación sanitaria privada debido a problemas de xestión. Desde a CIG- Ensino pedimos un esforzo de coordinación entre o SERGAS, a Consellaría de Educación e MUFACE para facer isto posíbel tendo en conta que este profesorado está desenvolvendo un servizo esencial nestes momentos e mantén contacto diario con numeroso alumnado polo que a detección de casos positivos podería minimizar a expansión do virus, obxectivo último deses cribados.

Si se nos confirmou que cando sexa preciso realizar unha proba deste tipo nun centro de ensino ou ben desprazar unha unidade móbil a un concello ou localidade na que exista unha alta incidencia de casos o SERGAS terá en conta as listaxes que se lle envíen desde a Consellaría de Educación con todo o profesorado e alumnado que forme parte dese centro.

Cribados nos centros

Mantendo como até agora a nosa posición de que deben ser criterios sanitarios e epidemiolóxicos os que se apliquen á hora de decidir onde se realizan estas probas masivas, desde a CIG-Ensino consideramos que dado o gran crecemento de casos positivos desde o comezo do trimestre nos centros educativos, estes deberían ser obxecto especial de atención por parte das autoridades sanitarias. Entendemos a preocupación de equipos directivos, profesorado e familias que nestes intres teñen reservas a acudir con normalidade aos centros de ensino máis afectados e pedimos que se atenda a súa reclamación de realizar cribados para detectar posibles casos asintomáticos e cortar así a transmisión do virus e poder desenvolver as aulas con maior normalidade.

Volver