A CIG-Ensino vén de presentar recurso perante a Consellaría de Educación para que, como mínimo, garanta o mesmo número de horas de docencia en galego que en español
A distribución horaria dá como resultado que na ESO o alumnado reciba 13 horas menos de docencia en galego que en español na modalidade de ensinanzas aplicadas e 10 menos nas académicas
As modificacións introducidas na carga lectiva de diferentes materias da ESO, consecuencia da aplicación da LOMCE supoñen unha nova e acrecentada discriminación da nosa lingua respecto á contemplada no decreto 79/2010. Este decreto estabelecía as materias que se debían impartir en lingua galega e en lingua castelá na ESO, cun total, nos catro cursos, de 25 horas en lingua española e 24 horas en lingua galega. Esta discriminación dispárase agora, pois o alumnado de ESO terá 31 horas en español fronte a 18 en galego se cursa ensinanzas aplicadas e 21 se cursa ensinanzas académicas, tal e como se reflicte no seguinte cadro:
ESO |
1º curso |
2º |
3º |
4º |
|
Académicas |
Aplicadas |
||||
Galego |
X. e H. (3 h) B. e Q (4) |
X. e H (3)
|
X. e H (3) X. e B. (2) |
X e H (3) X e B (3) |
X e H (3) |
Total |
7 horas |
3 horas |
5 horas |
6 horas |
3 horas |
Español |
Matemáticas (5) |
Matemáticas (5) F. e Q. (3) Tecnoloxía (3)
|
Matemáticas (4) F. e Q. (2) Tecnoloxía (2) |
Matemáticas (4) F. e Q. (3)
|
Matemáticas (4) F. e Q. (3)
|
Total |
5 horas |
11 horas |
8 horas |
7 horas |
7 horas |
Disto despréndese que:
- En 1º de ESO o alumnado recibe 7 horas en lingua galega e 5 en español.
- En 2º, 3 horas en galego fronte a 11 en español
- En 3º, 5 horas en galego e 8 en español.
- En 4º, 6 horas en galego fronte a 7 en español, pola modalidade de ensinanzas académicas, e 3 horas en galego fronte a 7 horas en español, pola modalidade de ensinanzas aplicadas.
- O alumnado recibe 13 horas menos de docencia en galego que en español na modalidade de ensinanzas aplicadas e 10 menos nas académicas, no conxunto da ESO.
- En 2º de ESO aínda que o alumnado recibise todas as aulas en galego, excluídas as que se teñen que impartir en español a as lingüísticas, só recibirá 8 horas en lingua galega fronte a 11 en lingua española.
O datos revelan claramente que a política lingüística da Consellaría está asentada non só na discriminación, senón tamén na persecución do noso idioma como lingua vehicular do ensino. A Consellaría é coñecedora de que hoxe nin sequera o 15% do ensino se imparte en lingua galega e de que a imposición do decreto 79/2010 está dando os froitos previstos pola Consellaría que son minorar o uso do noso idioma na procura da súa total substitución lingüística. Con esta actitude, a Consellaría amosa que non só desatende a normalización lingüística, senón que actúa contra o mandato da propia Lei de normalización lingüística, que prescribe a obriga de que os poderes públicos teñen que procurar a normalización lingüística.
Ante a contundencia destes datos, a CIG-Ensino vén de presentar un recurso perante a Consellaría para que mentres non se derrogue o Decreto 79/2010 se lle garanta ao ensino en galego a mesma carga lectiva que ao ensino en español. Ao mesmo tempo, reclama unha actuación urxente para adecuar e ampliar as áreas que hai que impartir en lingua galega e levantar o veto de impartir en galego Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía, e exixe a inmediata derrogación do Decreto de Plurilingüismo, por supor unha involución no marco xurídico e no uso do noso idioma. Imponse a elaboración dunha nova norma que camiñe cara á plena normalización lingüística no ensino.