A CIG-Ensino vén de gañar as primeiras sentenzas de profesorado ditaminadas en Galiza contra o recorte da paga extra do ano 2013

As sentenzas son firmes e obrigan a Consellaría a pagar os xuros legais desde a data de reclamación en vía administrativa

Dous xulgados do Contencioso Administrativo da Coruña veñen de ditaminar esta mesma semana senllas sentenzas polas que se admite parcialmente a reclamación contra o recorte das pagas extras do ano 2013. Nese ano, o goberno de Feijoo decidiu conxelar os salarios e recortar as dúas pagas extras de todo o persoal, incluído o docente, pasando a ser Galiza unha das escasas comunidades nas que se recortaban estas pagas. Ese recorte equivalía á parte da complemento específico que aparece no epígrafe “Adic. Art 12.3 Lei 12/2006”, polo que comezamos a cobrar nas extras o complemento específico.

As sentenzas, as primeiras que se ditamina en Galiza para persoal docente dependente da Consellaría, inciden nos fundamentos xurídicos das sentenzas que xa recoñeceran o pagamento dunha parte da extra de Nadal de 2012; isto é, a Xunta descontou ilegalmente unha parte da paga extra de xuño de 2013, ao se aprobaren os Orzamentos para ese ano o 1 de marzo de 2013, polo que a parte devindicada nos meses anteriores (decembro de 2012, xaneiro e febreiro de 2013) non se podía recortar. Estamos a falar, por tanto, da metade desa cantidade que na nómina aparece como “Adic. Art 12.3 Lei 12/2006”, ao se tratar de 3 dos 6 meses que é preciso ter traballado para cobrar esa cantidade íntegra.

A CIG-Ensino denuncia o comportamento absolutamente antidemocrático e irrespectuoso da Xunta co seu persoal, toda vez que o goberno galego era plenamente consciente de que a xustiza ía recoñecer o mesmo dereito que vén recoñecendo para a paga do 2012. Así llo fixemos ver á conselleira de Facenda, reclamando que se fixese efectiva a recuperación, cando menos, desta parte proporcional da paga de xuño de 2013 e non obrigar o profesorado, como o resto do persoal da Xunta a iniciar novos procedementos xudiciais para obrigala a cumprir coas súas obrigas retributivas.

A CIG reclamou recentemente na Mesa Xeral de Función Pública que, ademais de pagar integramente a parte proporcional da paga extra de Nadal de 2012 que xa a xustiza recoñeceu, se pagase tamén a parte da paga extra de xuño de 2013. O goberno galego negouse a ambas demandas, adiando o pagamento da paga extra do 2102 en dous cómodos prazos (2015 e 2016) e evitando pagar a parte do 2013, provocando deste xeito, como xa lle anunciamos, unha nova vaga de demandas nos xulgados.

É unha auténtica irresponsabilidade e unha burla ao profesorado que cando xa existen sentenzas claras que condenan a administración galega a facer fronte ao pagamento dunha parte da paga extra, o goberno mire cara outro lado para prolongar todo o posíbel no tempo un pagamento que finalmente terá que efectuar.

Dentro da estratexia fixada pola CIG ao respecto dos recortes das pagas extras do 2013, iniciaremos a extensión destas sentenzas e das que agardamos se produzan en datas próximas no resto do país a todo o profesorado galego.

Do mesmo xeito, a CIG-Ensino anuncia que tamén promoverá reclamacións contra o recorte das pagas extras de 2014, toda vez que a Lei de Orzamentos para este ano entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2014, polo que de acordo coas sentenzas xa gañadas pola CIG-Ensino das pagas do 2012 e 2013, a Xunta tería descontado ilegalmente unha sexta parte do complemento específico que cobramos na extra.

Volver