A CIG-Ensino ve avances no novo anteproxecto da LOSU mais considéraos insuficientes

O novo anteproxecto presentado polo Ministerio incorpora algunhas medidas positivas ao respecto do anterior mais mantén aspectos negativos ou non aborda outros relevantes que a CIG-Ensino xa trasladou no seu día ao ministro Subirats

O Ministerio vén de convocarnos a unha reunión para o día 25 de maio. Desde a CIG-Ensino agardamos que exista unha verdadeira negociación no ámbito sindical antes da aprobación do texto como proxecto de lei polo consello de ministros.

O sindicato espera tamén que se teñan en conta os aspectos relevantes que xa trasladara ao ministro Subirats no mes de marzo.

A continuación facemos un repaso polas cuestións máis salientábeis do novo anteproxecto da LOSU.

En materia de persoal

  • O Goberno adía a posíbel aprobación dun Estatuto do PDI a un ano após a entrada en vigor da Lei, o que nos sitúa fóra da actual lexislatura, polo que o Goberno non pode comprometer ningunha medida, o que para a CIG-Ensino é unha demostración de que o tempo perdido polo Ministerio vai na contra do persoal universitario.
  • Mantén a eliminación da figura de Axudante sen dar unha solución que sirva de pasarela entre os contratos predoutorais (FPI, FPU…) e a figura de Axudante Doutor. A relación entre o anteproxecto da LOSU e o novo proxecto de lei da Ciencia leva a que figure a posibilidade de que as universidades poidan facer contratación predoutoral como persoal investigador, o que desvincula esta modalidade do inicio da carreira docente.
  • Como medida positiva, elimínase a acreditación previa a Axudante Doutor e incorporase a obriga dun curso de formación docente inicial no primeiro ano de contrato. Esta segunda medida só tería sentido de se producir un cambio total no acceso a este tipo de modalidade de contratación, axilizando o proceso e adiantando a idade de incorporación. Debería, en todo caso, existir unha exención para aquel profesorado que acceda a Axudante Doutor con experiencia docente previa.
  • Estamos en desacordo coas limitacións que se fixan para o mantemento, con carácter transitorio, do profesorado contratado non doutor actual, que só poderá ser contratado por un período máximo de tres anos e cunhas condicións moi limitantes, ao ter que contar cunha relación contractual previa de cinco cursos académicos.
  • Mantemos o noso rexeitamento frontal á limitación a tres anos a duración do contrato do profesorado substituto recollida no artigo 81. Esta limitación a tres anos é froito do pacto sindical (CCOO, UGT e CSIF) co Goberno que vén de mudar o EBEP na Lei 20/2021 e implica un incremento da precariedade, xa que, tras o cese obrigatorio de quen leve tres anos no posto, e de persistir a razón que o motiva -excedencia, servizos especiais ou calquera outra razón que implique reserva do posto de traballo da persoa titular-, habería que facer unha nova contratación cando está claro que as substitucións non se deben limitar no tempo e deben durar mentres non se produza a incorporación da persoa titular. 
  • Desaparece toda referencia á aprobación e actualización anual dunha Relación de Postos de Traballo (RPT), algo que figuraba no anterior anteproxecto e mesmo na actual normativa.
  • Parécenos positiva a retirada da estadía mínima de 9 meses nunha universidade diferente á aquela na que se presentou a tese para optar á acreditación, deixando a duración desa estadía para un posterior desenvolvemento regulamentario (artigo 70).
  • Non se aborda un proceso de funcionarización a TU da actual figura de CD e mantense unha dobre carreira funcionarial-laboral, o que impide atender a demanda da CIG dunha carreira profesional máis sinxela e reforzando a relación funcionarial. De feito, no texto redúcese a porcentaxe de profesorado funcionario. Indícase que debe ser maioritario cando antes se fixaba o 55%. En todo caso, e partindo da estrutura actual, debería indicarse expresamente que se poderán convocar prazas de PCD mentres non se desenvolva a nova figura de Profesorado Permanente Laboral.
  • En liña cos cambios previstos na Lei da Ciencia, regúlase que se terá en conta o certificado de investigación estabelecido (R3), xunto co I3, para a reserva do 15% das prazas para o acceso a corpos docentes. Incorpora na mobilidade mediante concursos de provisión de vacantes, a maiores de TU e CAT, o persoal investigador de Organismos Públicos de Investigación (OPIS) naquelas categorías que se poidan determinar.
  • As universidades con máis do 40% de persoal con contratos laborais temporais deberán reservar o 15% das prazas para Axudante Doutor ou Profesorado Permanente para quen leve traballado, no momento da convocatoria, cinco cursos nos últimos sete anos en calquera universidade con contratos previstos na LOU iguais ou inferiores a un ano. Esta reserva manterase até xaneiro de 2031 (polo período de dez anos de aplicación do incremento de gasto público en educación). Na redacción anterior só se facía mención ao profesorado asociado e non a outras figuras como PDI interino ou de substitución, como tamén demandaba a CIG-Ensino. A estabilización deste profesorado non computará na taxa de reposición.
  • Non se fai ningunha referencia á eliminación da taxa de reposición, motivo principal da precariedade e temporalidade na universidade.
  • Deixa sen regular, unha vez máis, unha carreira profesional que permita a evolución salarial e profesional dentro de cada categoría como sucede en todo o emprego público.
  • Ábrese a porta a que sexan as axencias autonómicas (a ACSUG no caso galego) as que, previo convenio coa ANECA, poidan desenvolver a avaliación de méritos e competencias na acreditación estatal, algo que a CIG-Ensino viña demandando desde hai anos.
  • No réxime de dedicación ordinario (entre 120 e 240 horas) inclúese expresamente a redución por tarefas de representación do profesorado.
  • Indícase que as Universidades poderán estabelecer retribucións adicionais ligadas a méritos individuais ao tempo que, inexplicabelmente, desaparece a referencia a cargos de xestión de goberno na relación de méritos polos que se poden percibir complementos.

Órganos de Goberno e financiamento

  • O novo anteproxecto acomódase á proposta da CIG-Ensino de deseñar un marco organizativo aberto que permita que sexan as propias universidades as que tomen as decisións sobre a súa estrutura. Así, fronte ao texto anterior, moito máis ríxido e limitador da autonomía universitaria, o novo permite que sexan as universidades as que, en función da súa autonomía e características (tamaño, especialización…), poidan prescindir ou non de certos órganos colexiados. 
  • Aparece, na liña das demandas da CIG-Ensino, o recoñecemento do financiamento básico da investigación na parte estrutural, ao tempo que se fala do incremento até un mínimo do 1% do PIB para investimento nas universidades, mais nun marco temporal excesivamente extenso (xaneiro de 2031). Por outro lado, non se indica xa ningún tipo de criterio para diferenciar o que debe ser investigación estrutural da que se fixa por obxectivos, nin sequera cando se fai referencia á reserva do 5% dos orzamentos de cada universidade a programas propios de investigación.
  • Mantén un único mandato de seis anos para a reitoría cando o lóxico sería continuar cun mandato de catro anos como na actualidade (cun máximo de dous mandatos). Elimina a referencia aos requisitos de experiencia que aparecían antes, deixando que sexan os Estatutos de cada universidade as que os fixen. O mesmo trato se dá a outros cargos unipersoais (decanatos…).
  • O único cargo unipersoal ao que non se lle fixa unha duración de 6 anos é a presidencia do Consello Social, que se determinará por lei do Parlamento autonómico correspondente, algo que para a CIG é inxustificábel. No anteproxecto anterior si figuraba o tope de 6 anos.
  • É positiva a retirada do mínimo dun 10% de representación de integrantes do Consello Social no Consello de Goberno que figuraba no texto anterior. Porén, o Consello Social estará representado, segundo se regule en cada universidade, con voz mais sen voto. 
  • Mantén as funcións do Consello Social (decisións económicas ou asignación de complementos retributivos) que limitan a capacidade do Claustro e do Consello de Goberno en temas nos que estes órganos deberían decidir, limitando moitos trámites de supervisión económica que entorpecen o funcionamento universitario sen potenciar o seu teórico papel na promoción da colaboración da sociedade co financiamento da universidade.
  • Regula que non formarán parte do Consello Social quen teña conflito de intereses coa Universidade, eliminado a a referencia a que non poidan ser membros da comunidade universitaria. Aínda que o cambio é positivo, a CIG-Ensino considera que se debe indicar expresamente que si poderán formar parte os membros da comunidade universitaria e que, en todo caso, se deberán abster en casos nos que existan conflitos de intereses.
  • Non hai cambios na regulamentación da compatibilidade de PDI das universidades públicas, mantendo a posibilidade de que se realicen funcións de titoría en universidades a distancia privadas parcialmente financiadas con fondos públicos.
  • Non existen medidas que tendan a reducir o exceso de burocracia.

Outras cuestións a ter en conta

  • No artigo 1 indícase que as universidades poderán “desenvolver outras actividades formativas” diferentes ás titulacións oficiais de Grao, Máster e Doutoramento. Pode entenderse esta incorporación no sentido da “formación ao longo da vida” do artigo 7 (microcredenciais, micrograos ou outros programas de curta duración). Se ben consideramos positiva a idea dunha universidade aberta a este tipo de formación, consideramos que se debe deixar claro que non se ofertarán titulacións, oficiais ou propias, diferentes ao ámbito universitario. A importancia da demanda da Formación Profesional podería levar a autorización de universidades privadas que simultaneasen as titulacións universitarias con outras non propias das universidades.
  • Desaparece a referencia á “Mención Dual” que aparecía anteriormente na definición das estruturas curriculares. A CIG-Ensino considera positivo este cambio e defenderá que non se aplique o concepto de formación dual aprobado para a formación profesional, xa que implicaría unha vía de privatización da ensinanza universitaria e a perda de postos de traballo de profesorado.
  • No Consello de Universidades inclúese, dentro dos cinco membros designados pola Presidencia, a unha persoa a proposta dos sindicatos máis representativos no ámbito universitario. A CIG-Ensino entende que se debe mellorar a redacción, xa que a condición de sindicatos máis representativos como tal está limitada ao que figura na LOLS (sindicatos máis representativos a nivel estatal ou autonómico). Se se quere limitar á representación ao ámbito universitario debería vincularse á representación da Mesa Sectorial de Universidades, que debería figurar no texto da Lei. A limitación a unha única representante parece, en todo caso, estar feita á medida dunha organización sindical, o que non nos parece de recibo.
  • Na adscrición de centros (artigo 39) consideramos que a regulamentación dos requisitos básicos non a debe fixar o Goberno, senón que debe ser responsabilidade das CC.AA., ás que se lle reserva unicamente a función de aprobar a adscrición mais sen tomar parte na definición dos requisitos. De existir unhas normas de acreditación comúns a nivel estatal, estas só deberían ter carácter de mínimos e de aplicación supletoria no caso de inexistencia de normas autonómicas propias.
  • Incorpórase unha nova unidade básica para as universidades (a maiores das de igualdade, defensoría e inspección): saúde e acompañamento psicopedagóxico e de orientación profesional.

Volver