A CIG-Ensino valora que este curso escolar ten un balance final negativo para a calidade do ensino e a mellora das condicións laborais do profesorado.

Fin de Curso

A CIG-Ensino realizou un balance final negativo deste curso escolar que remata. A CIG-Ensino denunciou que a Consellaría evitou a negociación na Mesa Sectorial. Finalmente, a CIG-Ensino conclúe que foi un curso perdido para a mellora da calidade do ensino e das condicións laborais do profesorado.
A CIG-Ensino valora que este curso escolar ten un balance final negativo para a calidade do ensino e a mellora das concicións laborais do profesorado.
A CIG-Ensino realizou un balance final negativo deste curso escolar que remata. Na roda de prensa realizada o martes 24 de xuño, o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, declarou que neste curso a Consellaría tivo unha actitude de falta de diálogo e de negociación, o que comportou un incremento da conflitividade, especialmente ao longo do terceiro trimestre. A Consellaría adoptou unha postura impositiva en determinados temas e os incumprimentos foron o denominador común.
 
A CIG-Ensino denunciou que a Consellaría evitou a negociación na Mesa Sectorial de temas tan importantes como a oferta de Bacharelato, o programa de mellora do éxito escolar en colaboración cos Concellos, a orde de comedores, o regulamento dos Centros Integrados... mesmo non se produciu ningunha reunión da Mesa de Universidades. Ademais, durante este curso, non se deu solución á maioría das cuestión presentadas na Mesa de negociación, que non estivo presidida polo seu presidente na maioría das reunións.
 
Este curso caracterizouse polo incumprimento dos compromisos adquiridos pola Consellaría en temas tales como a redución das rateos de Infantil, a elaboración do Estatuto da función pública docente galega e dos mapas escolares de FP e de Orientación, a negociación do Acordo de estabilidade para o profesorado interino, a negociación duns novos Regulamentos Orgánicos dos centros, da Lei dos sistema universitario galego... Noutros aspectos, houbo ineptitude, así na falta de constitución da Mesa Sectorial de acordo cos resultados electorais das últimas eleccións, hai xa ano e medio, ou no caso do Currículo de Educación Infantil que continúa sen ser publicado cando ten que ser aplicado o vindeiro curso. A Consellaría tamén tivo unha total falta de compromiso nun tema tan importante como a aplicación do Decreto que regula o uso do galego do ensino, pois nin adoptou medidas eficaces para o seu cumprimento efectivo, nin apoiou decididamente o traballo dos Equipos de Normalización, mentres hai cada vez máis datos de que o Decreto está a ser incumprido e polo tanto segue habendo un retroceso na normalización do noso idioma no Ensino.
 
A Consellaría mantivo unha actitude autoritaria, optando pola imposición e non pola negociación en temas tan importantes como a recuperación da xornada reducida en xuño e setembro, a ordenación do Currículo de Bacharelato ou a flexibilización dos criterios para a implantación da xornada única de mañá, todos eles temas en que o profesorado se posicionou claramente a prol da negociación. En temas coma estes, a Consellaría negouse permanentemente a recibirnos e a súa actitude non dialogante deu lugar a que este trimestre final de curso se caracterizase pola conflitividade.
 
Durante este curso sobrecargouse o traballo administrativo e burocrático dos centros coa xestión do Fondo Social, dos libros de texto (para o que se contratou por 450000 euros unha empresa que a penas descarga de traballo aos centros) e todo isto en colexios que non contan con persoal administrativo. Por outro lado, adoptáronse medidas que só contribúen a reforzar o ensino privado, así a autorización dunha unidade máis de infantil nos Escolapios de Monforte, cando hai prazas en centros públicos, o mantemento de concertos educativos para moitos ciclos de Formación Profesional e fronte a isto a supresión de 43 unidades de ESO (30) e de Primaria (13) no ensino público, ou unha dotación orzamentaria do 11% para concertos con centros privados, fronte a un orzamento de 9,72% para a Educación Infantil.
 
A Consellaría de Educación mostrou durante este curso moita disposición á propaganda e publicidade, mentres non levou a cabo proxectos reais e universais que incidisen nunha verdadeira conciliación da vida laboral e familiar, unha planificación axeitada de actividades extraescolares para todos os centros, o reforzamento do plano de convivencia ou un plano contra o fracaso escolar. Tampouco se melloraron as condicións laborais do profesorado en temas tales como a dereito a unha revisión médica anual (que teñen todos os traballadores e sobre o que hai un requirimento do Valedor do Pobo), a regulación da redución horaria para maiores de 55 anos ou unha mellora da regulación da xubilación anticipada, algo que incide na creación de postos de traballo.
 
Finalmente, a CIG-Ensino conclúe que foi un curso perdido para a mellora da calidade do ensino e das condicións laborais do profesorado, con ausencias tan importantes como un plano para a mellora dos centros escolares ou un plano para avanzar na prevención do fracaso escolar. Estamos pois ante un curso para esquecer, un curso en que a Consellaría suspende.
 
 
Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2008.

Volver