A CIG-ENSINO valora como moi graves as declaracións do novo Valedor do Pobo sobre o noso idioma

Normalización do Galego

A CIG-ENSINO rexeita e considera moi graves as declaracións realizadas polo recentemente nomeado Valedor do Pobo, Benigno López, sobre o noso idioma. Para a CIG-ENSINO é completamente inapropiado que a persoa que deberá velar polo cumprimento da lexislación vixente, tamén en materia lingüística, faga unhas declaracións completamente prexuizosas e propias dun individuo colonizado que lle nega ao noso idioma o lugar que lle corresponde e que mesmo lle nega o estatus que ten xa calaquera lingua estranxeira no ensino.

A CIG-ENSINO VALORA COMO MOI GRAVES AS DECLARACIÓNS DO NOVO VALEDOR DO POBO SOBRE O NOSO IDIOMA

 

A CIG-ENSINO rexeita e considera moi graves as declaracións realizadas polo recentemente nomeado Valedor do Pobo, Benigno López, sobre o noso idioma. Para a CIG-ENSINO é completamente inapropiado que a persoa que deberá velar polo cumprimento da lexislación vixente, tamén en materia lingüística, faga unhas declaracións completamente prexuizosas e propias dun individuo colonizado que lle nega ao noso idioma o lugar que lle corresponde e que mesmo lle nega o estatus que ten xa calaquera lingua estranxeira no ensino.

 

A CIG-ENSINO considera que esta persoa debería abandonar o cargo pois con estas declaracións pon en entredito o labor que poida realizar como valedor dos dereitos de todos os galegos e galegas e pon en tea de xuízo o actual marco xurídico sobre o noso idioma. Marco xurídico que non supón, siquera, a plena normalización lingüística no ensino, senón que persegue soamente o mesmo estatus do galego en Galiza que o español. A CIG-ENSINO entende que ante tales declaracións e opinións o Parlamento galego  debería retomar o seu nomeamento.

 

É completamente inaceptábel que a persoa que ostenta un cargo como o de Valedor do pobo lle negue ao noso idioma a categoría de lingua propia de Galiza. Até agora ningún Valedor do pobo sustentara unha opinión tan prexuizosa  sobre o noso idioma, o sinal de identidade de todos os galegos e galegas. Posición prexuizosa que, como fan os sectores máis antigalegos e reaccionarios da sociedade, pretende culpabilizar a quen defende o noso idioma, cando se debera de preocupar da desgaleguización do ensino e da perda de galego falantes dentro da mocidade galega.

 

A CIG-ENSINO entende que Benigno López en lugar de velar por que poidamos exercer de galegos as 24 horas do día, tendo dereito a usar o noso idioma en calquera lugar e circunstancia, actúa en sentido contrario e pon en tea de xuizo aos que facemos posibel que o noso idioma teña futuro. Polo tanto, o máis acaído é que  abandone  o cargo para o que acaba de ser nomeado, cuestión que satisfaría a todos e a todas aqueles que usamos e dignificamos, e pretendemos un futuro normalizador para o noso idioma.

 

 

Santiago, 31 de xullo de 2007

Secretaría de Prensa da CIG-Ensino

Volver