A CIG-Ensino vai presentar recurso contra a o Decreto de Educación Infantil por incumprir o Decreto que regula o uso do galego no ensino

Ofensiva contra o galego do PP

A CIG-Ensino vai presentar mañá recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra o Decreto de Educación Infantil, publicado no DOG de hoxe 23 de xuño.
A CIG-Ensino vai presentar recurso contra a o Decreto de Educación Infantil por incumprir
o Decreto que regula o uso do galego no ensino
 
A CIG-Ensino vai presentar mañá recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra o Decreto de Educación Infantil, publicado no DOG de hoxe 23 de xuño.
 
Tal e como denunciamos onte mesmo na Mesa Sectorial en que se debatía a Orde de avaliación de Educación Infantil, a única modificación introducida polo actual goberno do PP neste Decreto elaborado pola anterior Consellaría de Educación, é precisamente un ataque máis a nosa lingua, pois non recolle o que establece a actual lexislación en vigor, ou sexa o Decreto 124/2007, que si recollía o borrador modificado polo Consello da Xunta.
 
O borrador do Decreto de Educación Infantil que pasara pola Mesa Sectorial no seu día dicía que: “Na etapa de Educación infantil o profesorado utilizará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará que o alumnado progrese no coñecemento da outra lingua oficial de Galicia. No caso de contornos castelán falantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensinanza será, como mínimo, igual á da lingua castelá.” Fronte a isto o Consello da Xunta do actual goberno do PP, en que foi aprobado, modificou este apartado que segundo o publicado hoxe di soamente: “Na etapa de Educación infantil o profesorado utilizará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará que o alumnado adquira de forma oral e escrita o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites propios desta etapa.”
 
A CIG considera que esta modificación infrinxe o actual Decreto de Normalización Lingüística, que continúa en vixencia e que emana do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade no Parlamento Galego en setembro de 2004. Esta é unha involución máis das moitas que o novo goberno está a perpetrar contra o noso idioma, cunha urxencia esaxerada, que non practican para pór en marcha medidas que no seu programa electoral figuraban como prioritarias, por exemplo a redución das rateos a 15 alumnos por aula. Ou que supriman as axudas aos programas de inmersión en galego, que cumpren con todos os requisitos establecidos, mentres gastan cantidades moito maiores nunha enquisa ilexítima e amañada para reducir a presenza do noso idioma no ensino.

Volver