A CIG-ENSINO URXE O CUMPRIMENTO DO DECRETO 124/2007 DE PROMOCIÓN E USO DO GALEGO Á CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN

Decreto de Normalización

A CIG-Ensino constata que sete meses despois da entrada en vigor do Decreto 124/2007 que regula o uso e promoción do galego no sistema educativo, a Consellaría de Educación non ten dado mostras de implicación na súa implantación. Desde a CIG-Ensino, consideramos que a Consellaría de Educación está paralizada no relativo á aplicación deste Decreto e que non levou a cabo medidas eficaces de potenciación do noso idioma e que xa se lle reclamamos en diversas ocasións a través de diferentes escritos.
Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2008
 
Sra. Conselleira de Educación:
A CIG-Ensino constata que sete meses despois da entrada en vigor do Decreto 124/2007 que regula o uso e promoción do galego no sistema educativo, a Consellaría de Educación non ten dado mostras de implicación na súa implantación. Desde a CIG-Ensino, consideramos que a Consellaría de Educación está paralizada no relativo á aplicación deste Decreto e que non levou a cabo medidas eficaces de potenciación do noso idioma e que xa se lle reclamamos en diversas ocasións a través de diferentes escritos.
 
Ademais da inexistencia de actividades de formación e sensibilización dirixidas especialmente aos equipos directivos e ao profesorado de infantil, de actividades destinadas á formación do conxunto do profesorado en materia lingüística e sociolíngüística ou da creación de materiais que non fosen estritamente os necesarios para a elaboración do Proxecto Lingüístico de centro, por certo enviados con moito retraso, a Consellaría nin sequera se ten preocupado de facer un seguimento do cumprimento do Decreto nestes primeiros meses. A ausencia destas medidas, que na CIG-Ensino consideramos fundamentais para a boa marcha do Decreto, ten, entre as súas causas, a inexistencia dunha Dirección ou Subdirección Xeral de Normalización Lingüística dentro da Consellaría de Educación que, desde esta organización sindical, vimos reclamando. Cómpre que dentro do organigrama da Consellaría exista esta estrutura para que se responsabilice e coordine todo o relativo á normalización do noso idioma nos centros educativos como primeira medida eficaz para garantir o cumprimento do Decreto.
 
Por este motivo, a CIG-Ensino volve dirixirse a vostede para trasladarlle, de novo, a necesidade urxente de que se adopten as seguintes medidas:
 
  1. Que se cree unha Dirección ou Subdirección Xeral de Normalización Lingüística dentro da Consellaría de Educación que teña entre outras funcións a de asesorar os Equipos de Normalización e o profesorado.
  2. Que, urxentemente, se elabore un plano de formación que abranga a todo o profesorado, que o capacite para que poida dar aulas en galego na súa materia, así como sobre contidos sociolingüísticos que comporten actitudes positivas sobre o ensino en galego.
  3. Que se elaboren e distribúan materiais de apoio en todas os niveis e materiais educativos para a normalización lingüística nos centros.
  4. Que a inspección educativa teña como fin primordial a vixilancia do cumprimento do Decreto, así como o apoio e asesoramento para cantas iniciativas de galeguización e normalización se desenvolvan desde os centros educativos.
  
Anxo Louzao Rodríguez
Secretario Nacional da CIG-Ensino

Volver