A CIG-Ensino urxe ao goberno estatal a incorporar a Mesa de Universidades no texto da LOSU
Na reunión do 31 de xaneiro quedou en evidencia a falta de coordinación dos ministerios de Universidades e Facenda para dar cobertura legal a unha Mesa longamente reclamada por todos os sindicatos
Logo de varias reunións para tratar o futuro estatuto do PDI e cunha proposta de regulamento da Mesa de Negociación en fase de aprobación, a reunión que tivo o lugar o 31 de xaneiro trouxo consigo unha viraxe total na determinación inicial do Ministerio de Universidades ao respecto da existencia da propia Mesa de Universidades.
Foi o propio Ministerio quen, desde xuño de 2022, e en resposta á demanda sindical unánime de formalizar a creación dunha Mesa de negociación do PDI das Universidades, deu o visto bo ao funcionamento normalizado desta Mesa. Con anterioridade existían reunións mais sen o amparo legal de contar cunha Mesa recoñecida.
Na reunión ficou clara a falta de entendemento entre Universidades e Función Pública (Facenda), de quen dependería a decisión final da creación desta Mesa, anunciando agora que, por indicación de Función Pública, a Mesa de Universidades non ten amparo legal.
Contarmos cunha Mesa de negociación do ámbito das universidades públicas, como existe no ámbito do Ministerio de Educación, é necesario para poder negociar nun ámbito propio as normas básicas que a nivel estatal condicionen o marco profesional e laboral do PDI. O ámbito universitario non pode ser unha anomalía e as negociacións deben ser respectadas, sen a tutela de órganos de representación de ámbitos xerais que nada teñen que ver coa realidade universitaria.
A CIG-Ensino entende como fundamental solventar a situación creada e propón solucións para superar o bloqueo de Función Pública e encarrilar as negociacións necesarias do Estatuto do PDI. Así, desde o sindicato:
- Consideramos negativo que sexa sempre o Ministerio de Facenda, a través de Función Pública, quen condicione as regras de xogo de ámbitos específicos como o docente, sexa do ámbito universitario ou non universitario.
- Instamos a ambos Ministerios e, por tanto, ao goberno no seu conxunto, a pactar e aceptar no trámite de emendas á LOSU que está aberto no Senado, unha emenda ao texto que modifique o Estatuto Básico do Empregado Público para blindar a creación dunha Mesa de Universidades.
- A proposta da CIG consiste na modificación da disposición adicional duodécima do TREBEP, incluíndo expresamente a creación da Mesa de Universidades.
- Desde a CIG xa lle demos traslado aos demais sindicatos da necesidade de solicitar conxuntamente esta demanda, instando ao grupos parlamentares do Senado a presentar unha emenda neste sentido.
- Á espera do que poida acontecer, a CIG demanda que as reunións previstas para negociar o Estatuto do PDI se manteñan no formato aprobado e co calendario previsto, xa cun retraso evidente sobre as intencións iniciais acoradas co Ministerio.