A CIG-Ensino urxe á administración galega a que leve á Mesa Sectorial a proposta para adaptar o Real Decreto de avaliación

O sindicato considera que nin o Ministerio nin a Consellaría poñen no centro de atención a profesorado e alumnado

É absolutamente falso que as decisións comunicadas na tarde do día 25 de novembro aos medios de comunicación polo conselleiro de Educación no tema da avaliación, promoción e titulación, nacesen das reunións que mantiveron con diferentes entidades e organizacións, entre elas as sindicais. Na reunión na que a CIG-Ensino tomou parte, o sindicato preguntoulle expresamente ao conselleiro pola posición da Consellaría de cara á Conferencia Sectorial, negándose a aclarar nada ao respecto. Non houbo por parte das diferentes organizacións ningunha proposta concreta. Por tanto, a alternativa anunciada polo conselleiro obedece exclusivamente a unha decisión propia e unilateral. Agardamos a convocatoria da Mesa Sectorial, que debe ser cando antes, para que se nos presente a normativa ao completo e será entón cando comprobaremos se a Consellaría vén con disposición ao acordo ou só simplemente a cumprir coa formalidade.

A CIG-Ensino amosouse partidaria na reunión co conselleiro a que se fixasen criterios básicos e homoxéneos para evitar confusións e tratos diferentes ao alumnado galego, servindo de base sólida para que as equipas docentes poidan actuar cun maior nivel de seguridade (non xurídica, que non está en cuestión, senón académica). Desde este punto de vista, unha norma como a de puntuar cun mínimo de 5 puntos de media para poder promocionar ou titular podería servir como referencia, sen que debamos descartar outras opcións.

A posibilidade de que non se modifique o calendario, mantendo a avaliación do 3º trimestre o 6 de xuño, e con dúas semanas posteriores que xa non poderán vir acompañadas de probas finais, non parece congruente. É obvio que para o profesorado causa malestar que a estas alturas do curso esteamos con estes cambios e, se ben é certo que existe unha responsabilidade inicial do Ministerio, que puido deixar este curso como transitorio, non o é menos que a Consellaría parece non ter interese en exercer as súas competencias. Que se vai facer co alumnado que suspenda na 3ª avaliación e ao que xa non se lle van facer probas finais? Porque é de supoñer que o criterio da avaliación continua xa determinará a nota desa última avaliación ou preténdese prescindir dese criterio de avaliación?

Á hora de sopesar que trastorno é maior (mudar as programacións para prolongar o 3º trimestre, avaliando máis alá do 6 de xuño, ou xestionar a atención ao alumnado aprobado e suspenso nesas dúas últimas semanas cando xa non ten sentido facelo), a CIG-Ensino considera que tanto para o profesorado como para o alumnado a medida máis correcta sería mudar as datas de avaliación e prolongar as aulas máis alá do 6 xuño, non porque iso nos leve a traballar máis currículo, senón a facelo en mellores condicións ao contarmos con máis tempo.

Non é de recibo, en ningún caso, que se fagan xustificacións por parte do conselleiro en función da conciliación da vida laboral e familiar: os centros educativos non son almacéns nin garderías para suplir as carencias dun sistema laboral construído de costas aos coidados e ás necesidades das familias: son espazos de formación na que a función central é a educativa e non a asistencial. Faría ben en lembralo o máximo responsábel da política educativa do noso país.

 

Volver