A CIG-Ensino trasladoulle á Consellaría de Educación a preocupación dos Conservatorios Superiores para cubrir as prazas vacantes e de substitucións nestes centros

O alumnado, principal prexudicado ao non poder ter aulas de varias materias pola inexistencia de persoal docente suficiente, poderá estar sen clases en boa parte do cuadrimestre.

Logo de recibir información dos dous CMUS superiores do país sobre a situación actual de ausencia de profesorado de determinadas materias e que se lle estea causando un trastorno ao alumnado dunha titulación superior equivalente a Grao, que non poderían contar, nalgúns casos, con docentes até ben entrado o mes de novembro, a CIG-Ensino trasladoulle aos responsábeis de persoal da Consellaría as demandas destes centros e instou á que se abran as listas que sexa preciso para dar saída a un problema que xa se produciu o curso pasado.

As listas de substitución do corpo de cátedras de música e artes escénicas para profesorado que imparte docencia nos CMUS superiores da Coruña e Vigo están en moitas especialidades esgotadas, noutras nin sequera se deron rematado os traballos de baremación iniciados coa apertura de prazas no mes de xullo. A situación actual provoca que haxa vacantes a tempo completo ou media xornada sen cubrir en especialidades como Arpa, Canto, Composición, Improvisación e acompañamento, Instrumentos históricos de corda fretada ou Tecnoloxía Musical. O problema pode agravarse aínda máis se se producen baixas ou permisos entre o profesorado en activo. 

A CIG-Ensino xa lle comunicara á Consellaría esta previsión a principios de setembro, cando  tivemos que solucionar varios problemas relacionados coa adxudicación de destinos provisionais nos CMUS profesionais e superiores. Malia iso, non se deron os pasos necesarios no referido ás novas listas abertas no verán, nas que aínda non se produciu a baremación necesaria. 

Na reunión de hoxe luns, 7 de outubro, con responsábeis da Consellaría comunicóusenos que abrirán listas en breve e que, dado o problema do escaso número de persoas anotadas polos requisitos de titulación (doutoramento, mestrado ou equivalente) a administración ten previsto optar por que esas titulacións sexan un mérito preferente e non un requisito. 

Malia iso non deron garantías de que a cobertura das prazas se vaia facer coa urxencia que desde o sindicato lle reclamamos.

Volver