A CIG-Ensino trasládalle á ministra de Educación as súas alegacións ao proxecto da LOMLOE e lamenta que non se aproveitara para acometer unha reforma educativa en profundidade
O secretario nacional, Suso Bermello, e a secretaria de Organización, Marta Ferreiro, reuníronse esta mañá no Ministerio coa súa titular, Isabel Celaá, para dar conta das cuestións que entende o sindicato que tería que incluír unha nova norma educativa.
Entre as propostas trasladadas destaca a gratuidade do ensino de 0 a 18 anos, a redución das ratios en todas as etapas educativas, unha maior protección e respecto polas linguas propias, a defensa dun sistema que realmente atenda á inclusión e á atención á diversidade, o reforzo do ensino infantil, a eliminación das probas externas e o deseño de avaliacións que inclúan tamén o sistema e as políticas educativas, o tratamento unificado da ESO eliminando os itinerarios encubertos, a proxección da Formación Profesional garantindo o seu carácter público e reformulando o modelo da FP dual, a introdución de melloras para o profesorado, un sistema de acceso docente diferenciado e o rexeitamento a un MIR educativo, a defensa do ensino público como única rede e que o concertado sexa complementario só onde non exista oferta pública suficiente, a eliminación da relixión do currículo escolar e a garantía dunha xestión democrática dos centros.
Menos dunha semana despois de que o Consello de Ministros aprobara o proxecto lexislativo que pretende substituír á LOMCE e reformar a LOE, a CIG-Ensino vén de reunirse coa ministra de Educación, Isabel Celaá, para contrastar a visión do sindicato maioritario en Galiza ao respecto desta reforma educativa. Tal e como se recolle no documento entregado polo seu secretario nacional, Suso Bermello, a CIG-Ensino lamenta que desde o inicio do anterior goberno de Sánchez non se acometera a derrogación inmediata da LOMCE para elaborar a continuación, de forma sosegada, unha lei actualizada e que significara unha reforma en profundidade do sistema educativo. Todo indica que a intención do novo goberno pasa por darlle á nova lei un carácter de permanencia no tempo polo que, desde a CIG-Ensino, achegáronse propostas que, moitas delas, xa foran presentadas no seu día na Mesa Sectorial de Educación e no Consello Escolar do Estado e que agora deberían formar parte do debate no trámite parlamentario que terá lugar nos próximos meses. Suso Bermello trasladoulle á ministra o malestar da CIG-Ensino polo debate que se xerou recentemente arredor da formación e da función docente, que se quere trasladar de forma interesada como o gran problema da educación. Neste sentido, amosouse contrario ao MIR Educativo que, aínda que non se vai regular nesta normativa, é un dos elementos que a propia ministra está a destacar como reforma estrela da súa acción de goberno nesta lexislatura.
No documento de achegas establécense, pola contra, moitas medidas que desde o punto de vista da central sindical si que incidirían claramente nunha mellora da calidade do ensino público, que pasa sobre todo por blindar o sistema público e considerar o ensino concertado como suplementario. En consideración da CIG-Ensino, a lei educativa estatal debe fixar uns mínimos que permitan desenvolver unha lei galega de educación que dea cabida ás nosas propias competencias e á defensa da nosa lingua. “Neste aspecto, calquera norma estatal debería incluír a protección das linguas propias de acordo á Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas asinada polo Estado español e permitir, entre outras medidas, que estas se poidan estudar nas EOI de todo o Estado”, indicou Bermello. Así mesmo, no documento entregado á ministra propóñense outras medidas que redundarían na universalidade e mellora do sistema educativo público:
- Gratuidade total do ensino público dende os 0 aos 18 anos.
- Redución das ratios encamiñándose ao seguinte obxectivo:
- 6 en EI de 0-1 ano, 10 en EI de 1-2 anos e 12 en 2-3 anos.
- 15 no 2º ciclo de Infantil.
- 20 en Primaria e ESO.
- 25 no Bacharelato.
- 15 na FP Básica e nos PMO (actuais PMAR).
- Aposta por un 1º ciclo de Infantil con carácter educativo, garantindo a gratuidade desta etapa educativa e a introdución do carácter obrigatorio e gratuíto do 2º ciclo de infantil.
- Reforma integral da Inspección Educativa, centrando o seu traballo no asesoramento pedagóxico, educativo e de xestión.
- Introdución de medidas que incidan realmente na inclusión e na atención á diversidade: reforzo da acción titorial e de orientación, dotación de máis profesorado de PT e AL, creación de novos postos de traballo con perfil social e sanitario nos centros, potenciar a oferta educativa no rural e en zonas desfavorecidas...
- Considerar a ESO como etapa no seu conxunto, evitando a diferenza que se consolida no anteproxecto dun 3+1, como xa aparecía na LOE e se reforza na LOMCE, e o mantemento dos itinerarios.
- Non centrar o reforzo da Formación Profesional só a través da modalidade Dual e regular claramente esta para que non se converta nun modelo de explotación laboral nin implique recorte de profesorado. Así mesmo, é necesario blindar a FP fronte á privatización, non só a través da entrada das empresas na Dual, senón tamén a través do novo requisito que se introduce para acceder a ciclo superior, un curso que poden ofertar entidades privadas e que exime de ter titulación de ciclo medio ou da realización de proba de acceso. A pasarela de medio a superior só debe existir no caso de equivalencia curricular entre ambos títulos.
- Devolver a democracia á xestión e ao goberno dos centros educativos, tanto no que ten a ver coa elección dos equipos directivos como a recuperar as potestades do Consello Escolar
- Integración das ensinanzas artísticas e superiores na universidade coa súa adaptación progresiva tanto en materia de investigación como de titulacións de grao e de posgrao.
O control educativo non pode facerse de costas ao profesorado
A falta de coñecer os detalles de como se concretará a avaliación docente que tamén avanzou a ministra como liña de traballo do seu departamento, o que si se sabe é que a LOMLOE vai manter en boa medida as probas avaliadoras externas implantadas pola LOMCE e que tiveron un forte rexeitamento, liderado pola comunidade educativa galega en todo o Estado. Se ben é certo que estas probas xa non terán carácter académico nin condicionarán a titulación como impuxera o PP, non deixa de ser preocupante, a ollos da CIG-Ensino, o control e xerarquía curricular e mesmo pedagóxica que se induce con probas destas características. En concreto a CIG-Ensino fixa como obxectivo que se eliminen as probas que substitúen ás reválidas en 6º de EP e 4º da ESO -que pretenden un control curricular seguindo criterios economicistas e de organismo coma a OCDE e menoscabar a independencia e o criterio académico do profesorado-. Tamén que ou ben se eliminen as de 4º de EP e 2º ESO ou se modifiquen substancialmente. Neste sentido, Suso Bermello quixo aclarar que “desde a CIG non nos opoñemos a que existan probas de diagnóstico que avalíen a marcha do proceso educativo mais, de existir, deben partir de parámetros totalmente diferentes, tanto aos impostos pola LOMCE como aos que presenta este proxecto de lei”.
A nova norma debería incorporar melloras para o profesorado
Na disposición adicional sétima do anteproxecto da LOMLOE ábrese a porta ao desenvolvemento da profesión docente. Á marxe do anunciado pola ministra de momento na prensa e nas súas comparecencias sobre a avaliación docente ou o “MIR educativo”, que a CIG-Ensino rexeita porque supón unha precarización da profesión e considera que no acceso á función pública debería existir unha dobre vía para dar resposta á numerosa bolsa de persoas interinas creada pola administración nos últimos anos sen deixar de darlle posibilidade de entrar no sistema a persoas sen experiencia previa, hai unha serie de aspectos que deberían incorporarse con carácter de mínimos ou ben no articulado da lei ou desenvolverse posteriormente e que supoñen melloras significativas da situación do profesorado como a definición por lei dun cadro de enfermidades profesionais, a regulación do dereito do profesorado maior de 55 anos a reducir o seu horario lectivo sen redución salarial, a creación dun corpo único de ensinantes, coas mesmas condicións de acceso e de desempeño do traballo, tanto en horario como en salario, pertencente ao grupo A1, comezando por quen nestes momentos desempeña a mesma función: profesorado do corpo de mestres que traballa na ESO, incluído o de PT e AL; profesorado do corpo de PTFP ou de música e artes escénicas que imparte docencia nos CMUS superiores e, por último, garantir o carácter indefinido da xubilación anticipada aos 60 anos para todo o colectivo docente, tamén para quen accedeu despois de xaneiro de 2011 e para o persoal interino.
Sen valentía nas cuestións ideolóxicas
Desde a CIG-Ensino cualifícase como “falta de valentía” a actitude do goberno de coalición do PSOE-Unidas Podemos ao respecto dos temas máis polémicos da lei, cando menos desde o punto de vista mediático. Nin a relixión queda fóra das aulas, como demandaba o sindicato, nin se eliminan os concertos e polo tanto o financiamento público dos centros que segregan alumnado por razón de sexo. O sindicato agarda que estas dúas cuestións sexan modificadas durante o trámite parlamentario do proxecto de lei.
Así mesmo, Suso Bermello transmitiulle á ministra que, unha vez aprobada a reforma, debe entrar en vigor canto antes co mínimo período transitorio posíbel “para non confundir máis ao persoal docente e ao conxunto da comunidade educativa ao longo de varios cursos cunha introdución por fases e dilatada no tempo”.