A CIG-Ensino traslada ao Ministerio o seu profundo desacordo coa dinámica creada para enredar na reforma da profesión docente

Así lle foi trasladado nunha reunión dun grupo de traballo da Mesa estatal na que se evidenciou que o Ministerio aínda non pasou da fase do enredo

A CIG-Ensino veu confirmada a crítica expresada na reunión da Mesa Docente estatal de hai 2 meses, cando amosamos a total desconfianza do sindicato sobre unha proposta de grupos de traballo para, supostamente, abrir o camiño a unha reforma legal da función docente. Esa desconfianza hoxe é claramente un desacordo. Non é de recibo que o Ministerio non traslade propostas concretas sobre as cuestións que quere negociar e como quere articular lexislativamente es reforma, limitándose a que as organizacións sindicais expresen unhas opinións e posicións que son de sobra coñecidas polo Goberno central.

A posición da CIG-Ensino non é nova: defendemos un marco galego de relacións laborais e, por tanto, de negociación das condicións de traballo e de deseño do sistema educativo galego como o único que debería existir. Partimos, con todo, da realidade do marco político actual e do reparto competencial existente polo que nin descoñecemos as limitacións que as competencias estatais implican nin deixamos de facerlles fronte nin abandonamos ningunha negociación por moi desfavorábel que sexa para un sistema educativo de seu que quixeramos desenvolver en Galiza para poder regular un estatuto docente propio.

Tendo en conta todo isto, na reunión de hoxe deixamos ben claro que o que debe ser tratado na Mesa docente estatal e nos seus grupos de traballo é aquilo sobre o que o Goberno central teña plenas competencias e que o produto dos acordos que se puideren dar ou da lexislación que se pretendese implantar ten que ter un carácter de mínimos, permitindo unha ampla marxe de manobra ás comunidades autónomas. Por tanto, todo o que sexa cuestión exclusiva das administracións educativas debe quedar fóra da negociación.

A CIG-Ensino non está nin estará en disposición de amparar ningún tipo de xogo declarativo nin de estratexia da confusión para facer que se fai e non se avanza nada, como leva acontecendo nos últimos meses e denunciará publicamente esa táctica dilatoria. Non pode admitirse que o Goberno central non vaia mover ficha e que pretenda que non haxa cambios efectivos até a suposta data do final da lexislatura (2027).

A CIG-Ensino trasladou ao Ministerio na reunión que no mes de maio ten que poñer enriba da Mesa unha proposta concreta partindo do seguinte:

  • Proposta de planificación lexislativa que pretendería empregar o Ministerio para facer efectivo calquera reforma do profesorado: nova lexislación de carácter xeral ou modificacións puntuais de normativa actual e prazos concretos para levalo a efecto.
  • Presentar unha proposta concreta sobre tres cuestións básicas:
    • redución, con pleno carácter legal, de ratios máximas en todas as ensinanzas, incluíndo as adaptacións necesarias para a atención ás necesidades específicas de apoio educativo.
    • regulación dun horario lectivo máximo que permita recuperar os dereitos arrebatados a nivel de estado e que, no caso galego, tampouco se recuperaron.
    • modificación da estrutura dos corpos docentes para garantir que todo o profesorado pertenza ao subgrupo A1.

A CIG-Ensino expresou na reunión de hoxe que, se o Ministerio non move ficha inmediatamente e non presenta propostas concretas sobre estas tres cuestións, quedará retratado no inmobilismo e na ausencia completa de intención de que a tan cacarexada “lexislatura do profesorado” do presidente Sánchez sexa unha realidade.

Como é lóxico hai toda unha serie de aspectos importantes que deben ser incorporados a calquera proposta de reforma da función docente e que non se debe obviar: desde as condicións de ingreso na función pública á xubilación, pasando pola saúde laboral e a regulación de enfermidades profesionais; aspectos  que deberían formar parte dunha normativa básica do profesorado que superase as limitacións do actual EBEP.

Volver