A CIG-Ensino traslada á Consellaría de Educación a urxencia da actualización das listaxes de substitucións

A falta de docentes substitutos nalgunhas listaxes como a de Francés de primaria, Portugués de secundaria e Procesos de Produtos e Artes Gráficas en FP está facendo que estean a piques de esgotarse

O sindicato vén de dirixirse á Consellaría de Educación para trasladarlle a necesidade de que se actualicen as diferentes listaxes de substitucións de todas as especialidades coas persoas que non superaron o procedemento selectivo de acceso aos corpos docentes. 

Neste comezo de curso o sindicato xa detectou o esgotamento de listaxes sen actualizar en varias especialidades como Francés de Primaria, Portugués de Secundaria ou Procesos de Produtos e Artes Gráficas de FP polo que, para evitar problemas na cobertura das substitucións, instamos á administración a que as actualice inmediatamente e acelere igualmente as das demais especialidades.

Desde a Consellaría xa nos avanzan que a lista de Francés de Primaria foi actualizada mais que case non se incorporou ningunha persoa da novas opositoras. Tendo en conta que isto xa vén sendo habitual nos últimos cursos, a Consellaría debería presentar en Mesa Sectorial unha proposta para a cobertura de vacantes desta especialidade.

Profesorado en listas sen mestrado de profesorado

Por outro lado, a Consellaría vén de confirmarlle ao sindicato que a interpretación  que fai a Administración do texto engadido no curso pasado ao acordo do persoal interino  asinado por outros sindicatos, (“mentres non se dea por finalizado o curso no que as autoridades correspondentes determinen a fin das circunstancias extraordinarias derivadas da pandemia”) supón que seguirán a ser chamadas, no lugar que obtiveron en listas no curso 2020/21, as persoas que traballaron o curso pasado sen ter feito o mestrado de profesorado, procedendo no momento en que se anulen estas medidas excepcionais a eliminalos das listaxes ao non poder consolidar postos sen esa titulación. Esta decisión implica, por tanto, unha consolidación temporal durante o presente curso.

Volver