A CIG Ensino tamén se pecha contra dos recortes dos empregados públicos

Representantes sindicais reciben o apoio do BNG e PSOE durante os encontros cos grupos parlamentares e convocan unha concentración o martes 28, ás 10 horas, no Pazo do Hórreo

O persoal ao servizo das administracións públicas galegas continuou este luns co calendario de mobilizacións para esixir á Xunta que retire o proxecto de lei de medidas urxentes no emprego público. Neste ocasión, os traballadores e traballadoras realizaron asembleas informativas e peches nos principias hospitais do país e nos edificios centrais e xefaturas territoriais da Xunta.

A loita das empregadas e empregados públicos na defensa dos servizos públicos e contra a imposición de novos recortes salariais e sociais continúa imparábel na véspera de que o Goberno do PP leve ao Parlamento o seu Proxecto de Lei de Medidas Urxentes no Emprego Público; un trámite que os populares queren solventar pola vía da lectura única, facendo valer a súa maioría e sen dar oportunidade ao resto dos grupos políticos para a presentación de emendas.

Dende a mañá deste luns, traballadores e traballadoras das administracións públicas participaban nas asembleas permanentes celebradas nos principais hospitais do país e nos peches iniciados nas delegacións da Xunta, agás no caso de Ourense e Pontevedra, co obxecto de mantelos até mañá.

Reunións cos grupos parlamentares

Paralelamente, nas xuntanzas mantidas esta mañá entre as organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e CSI-F, tanto os/as representes do PSOE como do BNG amosaron o seu apoio ás demandas dos traballadores e traballadoras e xa anunciaron a presentación de alternativas durante o debate do texto. Pola súa banda, o grupo parlamentar do PP, como era de agardar, pediu “comprensión” á representación sindical.

Neste senso, Maricarme López Santamariña, Secretaria da CIG-Administración, explicou  que os sindicatos volveron pedir ao PP a retirada do Proxecto e o inicio dunha negociación real que posibilite un aforro do gasto público que non se basee na rebaixa de salarios, dereitos e no recorte dos servizos públicos e da súa cualidade.

López Santamariña tamén cuestionou o obxectivo verdadeiro que leva a Xunta a tramitar con tanta urxencia esta medida, cando nos Orzamentos galegos, aprobados a finais do mes de decembro, non se contemplaba ningún destes cambios. Ademais, inquiriu ao Grupo Popular a respecto do feito de que o Goberno de Feijoo non agarde até a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado (que se prevé aplicarán recortes brutais en todo o sector público) para adoptar estas medidas, mais cando dende a Xunta non se ofrece nin unha soa garantía de que non se aplicarán novos recortes nas administracións galegas.

Menos dereitos e menos servizos públicos

Coas protestas deste luns, o conxunto do persoal ao servizo das administracións galegas quere denunciar novamente que este proxecto de lei supón un severo retroceso nos dereitos laborais e sociais dos/as traballadores/as, que é lesivo para o propio sector, provocará a destrución de emprego  e afectará á calidade dos servizos.

Neste senso, denuncian que a Xunta aproveita unha vez máis a escusa da crise para adoptar medidas de cambios estruturais no emprego público “baixo a aparencia de medidas conxunturais”. Así lembran que nos tres últimos anos, os empregados/as da administración sufriron unha diminución do seu salario real do 13% e una importante perda de dereitos, alén dunha moi baixa taxa de reposición e una redución do emprego público, pola vía das interinidades e substitucións.

Así as cousas, coincidindo co debate parlamentar, mañá martes 28 de febreiro as organizacións sindicais teñen convocada unha nova xornada de loita cunha concentración ás portas do Pazo do Hórreo, ás 10:00 horas, e mobilizacións nos distintos centros de traballo de todo o País. Así mesmo, un grupo de sindicalistas, convidados/as polas forzas políticas da oposición, seguirá no interior do Parlamento o debate do texto da Xunta.

Galería de imaxes

Volver