A CIG-Ensino tacha de “insultante” a petición de Feijóo de uso de máscaras FFP2 cando pode impoñelas no ámbito da Xunta e nin sequera as garante ao persoal de risco

Desde o sindicato maioritario no ensino público lémbranlle ao presidente da Xunta que ten plenas competencias para decretar o uso deste material de protección nos centros de traballo que dependen del e pídenlle que “comece por dar exemplo”

Cando estamos no pico da terceira onda da pandemia seguimos sen ter coñecemento da resposta e das accións que debería levar a cabo a Xunta ante o requirimento da Inspección de Traballo de que se facilitase material de protección a todo o seu persoal nos centros educativos e que entendía que este modelo de máscaras era o axeitado para quen sexa considerado de risco pola súa situación de saúde ou por ser contacto estreito de alumnado de infantil, con NEAE, música... A CIG-Ensino tamén se fai eco das trabas que está a poñer a Consellaría para que o seu persoal poida exercer a garda legal de crianzas e persoas a cargo en confinamento por ser contacto estreito de positivos e para que se exerza a teledocencia desde os domicilios particulares no caso dos centros coa presencialidade suspendida durante estas tres semanas.

A CIG-Ensino considera un “escándalo de proporcións enormes” que o presidente Núñez Feijóo veña de pedir un acordo ao goberno do Estado para impoñer o uso de máscaras FFP2 “en determinados contextos” cando el mesmo podería comezar por dar exemplo e facilitarllas a boa parte dos traballadores e traballadoras da Xunta de Galiza que así o reclamaron desde o inicio da pandemia. Neste sentido, lémbralle que ten plenas competencias para decretar o seu uso nos centros de ensino e que podería, cando menos, comezar por repartilas entre o persoal que ten condicións vulnerábeis de saúde propia e/ou que ten un contacto máis directo con alumnado máis desprotexido, como é o alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo, o da etapa de infantil, o de música e Conservatorios... Chegados a este momento, no momento máis crítico da pandemia, a CIG-Ensino considera que a Xunta non pode escatimar en material de protección efectivo para o seu persoal e alude a outras comunidades nas que se decretou o uso de máscaras FFP2 nos primeiros días de volta ás aulas tras o Nadal. Así mesmo, insta á administración a cumprir os requirimentos da Inspección de Traballo sobre a distribución deste material de protección, tal e como denunciara o sindicato no trimestre pasado, e a responder ás explicacións que se lle piden desde a autoridade laboral.

Máxima prevención e garantía do deber de custodia familiar

Por outra banda, e constatando o incremento alarmante de datos de positivos nos centros educativos, temos constancia de que hai direccións, seguindo indicacións da Inspección, que están a poñer trabas para que o profesorado que ten crianzas confinadas por ser contacto estreito de persoas positivas poidan exercer o seu deber de garda legal. “Estamos ante o momento de máxima precaución e nunca se debería obrigar a un traballador ou traballadora, do sector que sexa, a acudir igualmente ao seu posto de traballo antes de que se descarte calquera posibilidade de contaxio e desde logo é preciso garantir o seu deber, que non só dereito, de custodia de fillos e fillas e familiares a cargo”, lembra Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino. “Existe unha fórmula que se empregou ao longo do primeiro trimestre que era a declaración xurada que eximía de acudir ao posto de traballo mentres a persoa a cargo non finalizase a corentena preventiva ou tivera resultado negativo de PCR. Nestes momentos é preciso que a administración garanta ao máximo posíbel permanecer nos domicilios ante a mínima sospeita de contaxio e facilite o deber de custodia legal familiar”.

Flexibilidade no teletraballo nas ensinanzas telemáticas

Por último, Suso Bermello amosou a súa contrariedade coas instrucións que están a dar desde as inspeccións de cara á posibilidade ou non de exercer a docencia telemática desde os domicilios para o profesorado de Conservatorios, Escolas de Idiomas e Escolas de Artes e Deseño e centros de ensinanzas deportivas. “Neste sentido, despois de asegurarnos desde a Dirección Xeral que se ía dar flexibilidade para que cada docente escolla a fórmula que máis se axeite á súa situación persoal, sempre e cando se garanta a conectividade co alumnado, agora mesmo en cada centro estamos vendo instrucións contraditorias. Nalgúns obrígase a ir teletraballar ao centro educativo, noutros permítese facelo desde a case e noutros fálase de quendas rotatorias. Isto non é serio. É preciso enviar unha instrución única e, se por razóns de seguridade e operatividade, o persoal prefire realizar o ensino telemático desde as casas debe quedar reflectido tal e como se nos dixo que se ía facer desde a Secretaría Xeral Técnica e da Dirección Xeral de Centros e RR.HH.”, sentenciou Bermello.

Volver