A CIG-Ensino súmase ás peticións de paralización do expediente ao alumno do IES Breamo de Pontedeume
A defensa da liberdade de expresión e sobre todo a reclamación dos dereitos que lle corresponden ao noso idioma non poden ser considerados motivo de apertura dun expediente disciplinario
É bastante sospeitoso que a politización só se vexa cara a un lado, cando se trata de defender o galego ou a liberdade de expresión dos/as galego –falantes, pero nunca no caso contrario. Non se expedienta alumnos/as, profesorado ou centros que incumpren reiteradamente a xa de por si cativa normativa do idioma e que imparten materias en castelán, cando terían que ser impartidas en galego.
Cando as denuncias son polo incumprimento da propia normativa ou incluso polo acoso que están sufrindo certos alumnos e alumnas ou profesorado por expresarse en galego, a resposta, tanto da Consellaría como dos diferentes departamentos ao seu servizo (xefaturas territoriais, inspeccións educativas e, moitas veces, as propias direccións dos centros) é dar largas ás denuncias coa intención de que se vaian diluíndo no tempo e case nunca ou nunca levan parello ningún tipo de apercibimento nin moito menos apertura de expediente.
Dende a CIG-Ensino, levamos xa moito tempo denunciando esta política de persecución contra todo o que ten que ver coa nosa lingua e a nosa identidade; unha persecución ideolóxica que trata de impor un pensamento único, unha lingua única, e que tacha de “politización “ todo o que se sae do mesmo.
Polo tanto, dende a CIG-Ensino, facemos un chamamento á dirección do centro para que este asunto volva á normalidade e isto pasa por desistir de seguir adiante co expediente disciplinar. Non podemos tratar como delincuentes alumnos/as que o único acto que cometen é expresar libremente o dereito que teñen e que, por outro lado, a lei lles dá, a usar o seu idioma. Non podemos permitir que organizacións alleas á vida dos centros, e que teñen obxectivos moi claros e totalmente antigalegos, sexan as que marquen e definan o que pode ou non pode facerse nos mesmos. Isto si que sería “ politización “ dos centros educativos.