A CIG Ensino solidarízase cos centros de atención a persoas con discapacidade

Denuncia o incumprimento do goberno galego no pago das subvencións

A CIG-Ensino, non vai quedar impasible e defenderá, con todos os recursos de que dispón, os dereitos dos/as traballadores/as e o mantemento dun servizo social que consideramos imprescindíbel

Desde a CIG-Ensino, queremos manifestar a nosa preocupación pola delicada situación que están a pasar os Centros de Atención a Persoas con Discapacidade no noso país, e a irresponsabilidade da Xunta de Galiza, a través das tres Consellerías que teñen as competencias para facilitar as subvencións que estes centros deben recibir, en maior medida a de Traballo e Benestar, e tamén o SERGAS e a Consellería de Educación e O.U., pola escaseza dos recursos que lles aporta e os reiterados retrasos no seu abono. Isto está a traer graves consecuencias no que se refire, tanto á prestación do servizo, cun deterioro importante da calidade do mesmo, como ás condicións salariais e laborais do persoal que presta os seus servizos nestes centros.

Non deixa de resultar escandaloso que a Xunta de Galiza, a través da Consellería de Educación, siga mantendo, e nalgúns casos incrementando, as axudas aos Centros Concertados de Ensino Regulado (incluso en centros que segregan ao alumnado por sexo),  mentres reduce os recursos no ensino público con todos os recortes que está aplicando desde que entrou no goberno. Así o vimos denunciando, e por iso estamos inmersos nunha campaña de mobilizacións contra estas medidas. E mentres, pola contra, aplica outro criterio cutre e restricións cun sector que, desde o punto de vista da CIG-Ensino, si consideramos que merecería unha maior atención, pois estamos a falar de centros que prestan un servizo de carácter social importantísimo, que a Administración non ten oferta para atendelo (e a pouca que tiña xa a privatizou, como no caso do Souto de Leixa en Ferrol, ou o Santiago Apóstolo na Coruña) e que, na maioría dos casos, as empresas que os prestan son Asociacións de pais/nais, sen ánimo de lucro. 

O goberno galego é un dos que menos fondos aporta para este tipo de centros dentro do Estado Español e foron recortados drasticamente desde que o PP entrou no goberno, cunha redución superior ao 30%. Se a esta redución lle sumamos os retrasos que está habendo nos abonos das cantidades correspondentes, a situación é agónica para estes centros e quen o están a sufrir directamente son, en primeiro lugar os/as traballadores e traballadoras, que están tendo retrasos e reducións no cobro dos seus salarios, e tamén afectará aos usuarios que, nestas condicións, verán reducidos, tanto a calidade do servizo, como a posibilidade de acceder a eles.   

Xa temos constancia de moitos centros que están a padecer estas consecuencias e de traballadores/as que, ou non cobran puntualmente os seus salarios, ou están advertidos/as de que poden sufrilo en pouco tempo. Este é o caso do Xerome Emiliani, do Baixo Miño, O Centro San Francisco da comarca de Vigo, Asociación a Bata, de Pontevedra, ASPROMOR, de Ortigueira, a maioría dos centros da federación ASPACE Galicia,...e outros moitos que xa están no límite para poder afrontar esta situación.

Desde a CIG-Ensino, organización sindical máis representativa nese sector en Galiza, xa manifestamos hai tempo os malos augurios con respecto ao futuro destes centros e os servizos que prestan se non se mudaba a situación, e asumimos o papel de tomar a iniciativa para que todas as partes afectadas actuásemos conxuntamente na demanda á Administración Galega das melloras necesarias para o sector, os seus usuarios e, por suposto, os/as traballadores/as. Fixémolo alá polo mes de marzo do 2011, no que convocamos a todas as patronais e elaboramos un manifesto conxunto e consensuado que logo non foi referendado por algunhas organizacións.


Volver