A CIG-Ensino solicitoulle ao Ministro de Educación que retire o Real Decreto-Lei de recortes

Anxo Louzao lembroulle hoxe en Madrid que reduce a calidade do ensino, castiga o profesorado e aumentará o fracaso escolar

Na reunión da Mesa Sectorial do Estado á que foron convocados os sindicatos hoxe martes 24 en Madrid, o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao trasladoulle ao Ministro de Educación a preocupación pola publicación do Real Decreto-lei de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo, esixiulle a súa retirada e o cese nos recortes do ensino público e na invasión permanente de competencias.

Nesta xuntanza, o Ministro limitouse a explicar o Real Decreto, que ten que ser validado aínda polas Cortes, e non se mostrou disposto a modificar ningún aspecto. A CIG-Ensino aproveitou esta convocatoria para trasladarlle que as medidas do Ministerio atentan contra os dereitos laborais e profesionais dos docentes, reducen a calidade e invaden competencias, nomeadamente no que ten que ver co horario do profesorado e a cobertura de baixas, asuntos nos que a Consellaría de Educación ten competencias exclusivas. “De aplicarse o Real Decreto, pode significar –explicou Anxo Louzao- que se despidan miles de profesores na Galiza, en concreto, máis de 2000”.

Outro dos asuntos sobre os que a CIG-Ensino lle amosou a súa preocupación ao Ministro é o feito de que vulnera o dereito á educación, porque durante os dez primeiros días de calquera baixa -independentemente da súa duración- o alumnado estará atendido pero non recibirá aulas da súa materia cun profesor/a da materia correspondente.

 Na opinión da CIG-Ensino, os recortes van dirixidos a obstaculizar a escolarización e responden a unha concepción elitista e clasista do ensino. “O Real Decreto –di Anxo Louzao- liquida a igualdade de oportunidades, ao incrementar dunha maneira desorbitada as taxas académicas, o que supón expulsar da Universidade os fillos e fillas das clases populares, e ao limitar, a unha única modalidade, a oferta de Bacharelato que teñen que impartir os centros”. Anxo Louzao insistiu en que non se pode usar a crise como desculpa para liquidar un servizo público como é o ensino e empeorar as condicións de traballo do profesorado. “Por outra banda, é inaceptable que se nos convoque unha vez publicado e que non se respecte o dereito que nos asiste ás organizacións sindicais máis representativas”, engade.

 O Secretario Nacional da CIG-Ensino explica que o Ministro non asumiu a retirada das medidas, tal e como lle solicitou o sindicato. “Reafirmouse –sinala Anxo Louzao- na idea de que non modificará nada, debido á excepcional situación económica, aínda que comentou que o decreto estaba concibido para unha aplicación flexible”. Ante esta situación, a CIG-Ensino esíxelle unha vez máis ao Conselleiro de Educación que non aplique o decreto e que o recorra  perante o Constitucional

Volver