A CIG-Ensino solicítalle a Conselleira reunirse para tratar de chegar a un acordo
Decreto de bacharelato
Sorpréndenos a indiferenza e a desconsideración con que a Consellaría está amosando ante o rexeitamento que está a producir o Anteproxecto de Decreto que estabelece a ordenación e o currículo do Bacharelato. A nula receptividade comportou que non fose considerada ningunha das propostas que presentamos na Mesa Sectorial e a negativa a abrir calquera vía de negociación para mellorar o actual Proxecto.
Solicitude de entrevista á Conselleira de Educación
Sra. Conselleira de Educación:
Sra. Conselleira de Educación:
Sorpréndenos a indiferenza e a desconsideración con que a Consellaría que vostede dirixe está amosando ante o rexeitamento que está a producir o Anteproxecto de Decreto que estabelece a ordenación e o currículo do Bacharelato. A nula receptividade comportou que non fose considerada ningunha das propostas que presentamos na Mesa Sectorial e a negativa a abrir calquera vía de negociación para mellorar o actual Proxecto.
Como vostede sabe, temos previsto diferentes mobilizacións e accións e convocada unha folga para o día 29 de abril. Consideramos que é a súa obriga mudar de actitude co obxecto de negociar e abrir unha vía de participación e diálogo para que a futura ordenación do currículo de Bacharelato acade o maior consenso posíbel e mellore a calidade do ensino.
Esta finalidade é a que perseguen as nosas propostas que, como xa dixemos, presentamos na Mesa Sectorial, trasladamos como emendas ao Consello Escolar de Galiza e expoñemos a seguir:
- Acadar o maior consenso posíbel na futura ordenación e currículo de Bacharelato.
- Reclamar o incremento dunha hora na carga lectiva prevista das materias de Filosofía e Cidadanía (3 horas), Educación Física (2 horas) e Historia (4 horas), mantendo a distribución horaria que ten na actualidade; do contrario privaríase ao alumnado dunha formación axeitada, impediríase o desenvolvemento do currículo, non se podería abordar o ensino desde unha perspectiva galega e comportaría graves prexuízos para a calidade do ensino e para as condicións laborais do profesorado.
- Exiximos un ensino laico, polo tanto que a materia de relixión non forme parte do currículo. En todo caso, requirimos que estea fóra do horario lectivo ordinario dos centros. (Deste xeito, todo o alumnado tería 32 horas lectivas en 1º e 2º, agás o que opte por recibir relixión que o vería incrementado en 2 horas, pero á marxe do horario ordinario do centro).
- Reclamamos que todos os centros que dispensen ensinanzas de Bacharelato deben impartir, como mínimo, dúas modalidade e garantir que o alumnado poida cursar calquera materia propia da súa modalidade. Así mesmo, débese ampliar a oferta da modalidade de Artes a un número maior de centros.
- Todos os centros que impartan a modalidade de Bacharelato de Ciencias e Tecnoloxía terán que ofertar todas as materias propias da súa modalidade, incluídas Electrotecnia e Tecnoloxía Industrial I e II.
- Todos os centros ofertarán como optativa Música, tanto en primeiro curso como en segundo, podendo ser cursada nos dous cursos polo alumno/a. Así mesmo, deben incluírse como optativas de oferta obrigatoria nos centros as materias de Historia e Xeografía de Galiza, Literaturas Hispánicas, Literatura galega do século XX, Filosofía da Ciencia e Tecnoloxía, Historia da Música e unha materia optativa vinculada á Educación Física.
- Reclamamos a dotación suficiente de profesorado en todos os centros para que o alumnado que non ten que repetir curso completo, non comporte incrementar o número de alumnado por aula que, para nós, non debe exceder de 25 alumnos/as.
Agardamos que sexa receptiva a estas propostas, concedéndonos unha entrevista coa maior brevidade posíbel.
Un saúdo cordial,
Anxo Louzao Rodríguez
Secretario Nacional da CIG-ENSINO