A CIG-Ensino solicítalle á Consellaría que amplíe a posibilidade de escoller entre dúas opcións na proba práctica das oposicións ao corpo de Mestres

Esta opcionalidade si aparece recollida no Anexo V da convocatoria que regula o proceso selectivo para os e as aspirantes que optan a prazas dos corpos de profesorado de Secundaria e de Formación Profesional

A CIG-Ensino vén de remitirlle un escrito ao conselleiro para que tamén se inclúa a escolla entre dúas opcións na parte práctica da oposición ao corpo de mestres. Para o sindicato esta decisión suporía unha unificación de criterios da primeira proba do procedemento selectivo para todos os corpos, xa que en anteriores convocatorias esta instrución non era homoxénea, limitándose a opcionalidade a algunhas especialidades do corpo de PTFP e mesmo con diferenzas entre elas, estando exenta desa opcionalidade a maior parte das especialidades do corpo de PES.

Na convocatoria de oposicións aos diferentes corpos docentes publicada na ORDE do 14 de marzo de 2018 figuran algúns cambios ao respecto do texto que se presentou na Mesa Sectorial. Un deles aparece no ANEXO V da convocatoria, indicando que no exercicio práctico a que fai referencia a base 12.3.1 "os tribunais proporán dúas opcións de proba práctica das cales a persoa aspirante escollerá unha, que pola súa vez poderá constar de varias partes". Esta disposición aféctalle ao profesorado que opta a unha praza en todas as especialidades dos corpos de Profesorado de Ensino Secundario e Profesorado Técnico de Formación Profesional. Porén, esta opcionalidade non aparece recollida no apartado no que se especifica como serán as probas prácticas das distintas especialidades do corpo de mestres.

Co fin de que se unifiquen os criterios en todo o procedemento selectivo para todos os corpos, a CIG-Ensino vén de remitirlle ao conselleiro de Cultura e Educación un escrito no que lle solicita que se inclúa tamén esta disposición no apartado do ANEXO V que fai referencia á proba práctica do corpo de mestres regulada na base 13.3.1. Así, debería indicarse que “os tribunais proporán dúas opcións de proba práctica das cales a persoa aspirante escollerá unha…” como figura este ano para os demais corpos, xa que entendemos que non hai motivo razoado para que os e as opositores de Primaria non poidan ter esta posibilidade de elección.

Volver