A CIG-Ensino solicítalle á Consellaría de Educación que reforce a función dos departamentos de Orientación en Galiza e regule claramente que non van impartir docencia

Nun escrito dirixido ao conselleiro de Educación e á directora xeral de Ordenación e Innovación educativa o sindicato maioritario amosa a súa preocupación pola indefinición da administración neste asunto.

No documento, a CIG-Ensino insta á Consellaría a regular, coa suficiente antelación ao comezo do curso escolar próximo e aos traballos de asignación de horarios, unha disposición legal que indique expresamente que as súas funcións de orientación que se exercen nos centros educativos se manterán tal e como indica a normativa galega en vigor, sen que sexa de aplicación para esta especialidade docente o que se recolle no artigo 2.4 do Real Decreto 286/2023 ao respecto de poder impartir docencia na materia de Formación e Orientación Persoal e Profesional.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, vén de remitirlle un escrito ao titular de Educación e á directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa para insistirlles que regulen, canto antes, que o persoal da especialidade de Orientación Educativa non teña que impartir docencia e se limite ás súas funcións definidas no DECRETO 120/1998, do 23 de abril polo que se creou a rede de orientación e a figura deste persoal especialista en Galiza. 

A celeridade por aprobar esta disposición legal vén dada porque o pasado mes de abril se publicou no BOE o Real Decreto 286/2023 polo que se regula a asignación de materias na ESO e no Bacharelato ás especialidades dos distintos corpos docentes. Unha norma que, no seu artigo 2.4, abre a posibilidade a que o persoal da especialidade «Orientación educativa», ademais das funcións que lle son propias, poida impartir docencia na materia de opción de 4º da ESO, Formación e Orientación Persoal e Profesional.

A CIG-Ensino xa se amosou moi crítica con esta posibilidade e fixo a petición expresa de que se aprobe unha normativa autonómica á Consellaría nunha das últimas Mesas Sectoriais pero, de momento, a administración non deu ningunha resposta nin parece que vaia facer ningún movemento neste sentido. Para o sindicato maioritario no ensino público galego a prioridade nestes intres é reforzar os departamentos de Orientación, alén da autorización dunha segunda persoa nalgún centro nos últimos anos, tal e como demanda toda a comunidade educativa para poder facer fronte, sobre todo nas etapas de secundaria e bacharaleto, ás múltiples necesidades do alumnado.

Lonxe disto, a normativa estatal pretende detraerlle horario a uns departamentos xa de por si sobrecargados de traballo e excesivamente burocratizados que precisan de maior tempo para a atención directa ao alumnado e tamén nalgúns casos ás súas familias. En calquera caso, a aprobación dunha normativa autonómica blindaría que se manteñan as actuais funcións dos mesmos. De non aprobarse canto antes, o RD podería ser de aplicación directa nos centros o vindeiro curso, causando un prexuízo aínda maior na atención á diversidade existente actualmente no ensino público, tal e como lle lembra o sindicato no escrito á Consellaría.

Volver