A CIG-Ensino solicita unha entrevista coa ministra de Educación para abordar a extinción do corpo de profesorado técnico de FP
Despois de interpelar directamente á Consellaría sobre o número de profesorado afectado en Galiza e as xestións que pensa realizar sobre este asunto, esta mañá unha representación da Executiva da CIG-Ensino coñeceu a PNL do grupo parlamentario do BNG.
Segundo os últimos datos facilitados por Educación, a petición da CIG-Ensino, arredor dun 32% dos 2.223 docentes técnicos que conforman este corpo en Galiza entre funcionariado de carreira e interino ten titulación de FP. A LOMLOE prevé a extinción do primeiro colectivo e a conversión en profesorado especialista do segundo, cunha clara perda de dereitos laborais que redundará na merma da calidade educativa. A maiores hai nestes intres centos de traballadores e traballadoras realizando substitucións ou pendentes de chamamentos que non se contabilizan neste colectivo.
A CIG-Ensino segue movéndose para dar resposta ás incógnitas que abriu a LOMLOE sobre o futuro do profesorado técnico de FP, un colectivo que en Galiza aglutina, segundo datos da Consellaría de Educación, a 2.223 docentes entre funcionariado con praza fixa e persoal con contratos de todo o curso. E faino solicitando, como sindicato maioritario no ensino público galego e integrante da Mesa Sectorial do Estado, unha entrevista coa máxima responsábel do Ministerio de Educación e FP, Isabel Celaá, que é nestes momentos a que ten as claves de cales son as intencións do goberno español sobre un asunto que até o momento foi tratado con “sospeitosa discreción e sen terse producido ningún pronunciamento oficial por parte dos distintos cargos con responsabilidade ministerial”, tal e como apunta Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino.
Esta petición, que xa foi recibida polo gabinete da ministra, chega despois de que a nova norma educativa, publicada no BOE o pasado 30 de decembro, incluíra no debate final no Congreso dos Deputados unha emenda dos grupos de goberno na que se declaraba a extinguir o corpo de profesorado técnico de FP (PTFP), sen previa negociación nin coas organizacións sindicais nin coas CCAA. No texto finalmente aprobado queda claro que só aquel persoal docente que teña un Grao ou titulación equivalente vai poder integrarse no corpo de profesorado de ensino secundario “segundo o procedemento que estableza a partir de agora o Ministerio en negociación, agardemos que esta vez si, con sindicatos e gobernos autonómicos”, sinala Bermello, quen engade que “queda pendente dilucidar que pasa con aquelas titulacións pre-Bolonia como enxeñarías técnicas, diplomaturas e arquitecturas técnicas porque até o momento nin a redacción da norma nin o Ministerio despexan a dúbida de se serán declaradas equivalentes a Grao a efectos de docencia ou non, algo que agardamos que se confirme sen ningún tipo de limitacións polos diferentes titulacións que teña o profesorado”. A este respecto o sindicato lembra que na actualidade hai un reducido número de diplomaturas ou enxeñarías técnicas coas que se pode acceder ao corpo de PES mais non con carácter xeral.
Datos case definitivos de profesorado afectado en Galiza
Pero a máxima preocupación cínguese sobre o profesorado que ten titulación superior de FP que, no caso de ser funcionariado de carreira quedaría a extinguir no corpo A2 e, polo tanto, non vería igualado o seu salario nin os seus dereitos laborais co profesorado de ensino secundario malia desempeñar o mesmo tipo de traballo. En Galiza, segundo as porcentaxes facilitadas pola Consellaría á CIG-Ensino, estarían confirmadas nesta situación 525 persoas, á espera de coñecer se teñen algunha titulación universitaria outras 185 persoas ás que o departamento de Educación lles remitiu un correo para pedir que actualizasen esta información na base de datos da administración.
Máis preocupante aínda é a situación dos 176 interinos e interinas que se atopan nesta situación, pola incerteza da súa estabilidade laboral. Neste caso chegarían a unhas 176 docentes, un 21% do total de 828 docentes técnicos de FP que obtiveron unha interinidade este curso. “Preocúpanos especialmente que a lei só recolla que as persoas con ciclos superiores de FP van poder ser contratados só de forma excepcional, e como profesorado especialista, unha figura que non ten carácter funcionarial senón laboral e que entre outras cousas só pode ter un contrato coa administración por un máximo de tres anos”. “É vital que o Ministerio se pronuncie sobre a situación deste colectivo que, se a pandemia o permite, en xuño vaise enfrontar a unhas oposicións que, tal e como e foi aprobada a LOMLOE, supoñen a súa última oportunidade de ser funcionariado de carreira”, apunta Bermello.
En total, tal e como se recolle nas táboas seguintes, do colectivo de 2.223 docentes técnicos de FP en Galiza o 32% tería titulación superior de FP e podería verse afectado por unha medida que “queremos pensar que se concibiu para mellorar as condicións do profesorado de FP que realiza o mesmo traballo que o do corpo de secundaria que tamén imparte docencia en ciclos formativos, mais que se non se rectifica pode deixar á marxe desta mellora ou mesmo empeorar a súa situación de centos de docentes galegos”, insiste Suso Bermello.
|
F. CARREIRA |
% |
F. INTERINO |
% |
TOTAL |
% |
TITULACIÓN GRAO |
404 |
29% |
376 |
45% |
780 |
35% |
RESTO TITULACIÓNS |
991 |
71% |
452 |
55% |
1443 |
65% |
TOTAL |
1395 |
63% |
828 |
37% |
2223 |
|
Fonte: Consellaría de Educación. No resto de titulacións están incluídas diplomaturas, enxeñarías e arquitecturas técnicas así como TSFP.
|
F. CARREIRA |
% |
F. INTERINO |
% |
TOTAL |
% |
OUTRA TITULACIÓN UNIVERSITARIA |
466 |
|
276 |
|
742 |
|
TOTAL GRAO+OUTRA TITULACIÓN UNIVERSITARIA |
870 |
62% |
652 |
79% |
1522 |
68% |
TITULACIÓN FP |
525* |
38% |
176 |
21% |
701 |
32% |
TOTAL |
1395 |
|
828 |
|
2223 |
|
*Nota: Nesta cifra inclúense as 185 persoas ás que a Consellaría lles enviou o correo porque non lle consta datos actualizados da súa titulación pero que, con case total seguridade, non teñen titulación universitaria.
Fonte: elaboración propia sobre as porcentaxes do total do profesorado sen titulación de Grao proporcionadas pola Consellaría de Educación. Ligazón
Apoio á PNL do grupo parlamentario do BNG
No marco das accións levadas a cabo pola CIG-Ensino tanto na Mesa Sectorial galega, como interpelando aos grupos do Senado antes da aprobación da Lei e á propia ministra á que agora se lle pide unha entrevista. Tamén no marco das accións emprendidas polo sindicato o seu máximo responsábel Suso Bermello e a responsábel de FP na Executiva, María Rodríguez reuníronse esta mañá con membros do grupo parlamentario do BNG. No encontro puideron coñecer o contido da Proposición non de Lei que se vai presentar na cámara galega para instar ao goberno español a que se fixe unha solución que permita a integración de todo o profesorado de FP no corpo de profesorado de ensino secundario, con independencia da súa titulación de acceso ou da súa condición de persoal fixo ou interino. A proposta, na liña do xa argumentado pola CIG-Ensino, tamén formula unha proposta que afecta directamente ao goberno galego, ao incluír a equiparación salarial do colectivo que poida quedar descolgado da integración se finalmente o goberno español mantén a intención de deixar fóra a miles de docentes en todo o Estado, dos que ao redor de 700 serían galegos.