
A CIG Ensino solicita que a Orde que vai regular as titulacións das listaxes de interinidades e substitucións pase pola mesa sectorial de educación
A Consellaría anunciara na mesa que non ía pasar pola mesma
O martes 22 durante a mesa sectorial na que se tratou a oferta de emprego público e a orde de convocatoria das oposicións a Consellaría deixou caer que a Orde pola que se dá publicidade ás titulacións que permiten a incorporación ás listas de interinidades e substitucións dos distintos corpos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación non pasaría pola mesa sectorial.
Desde a CIG Ensino esiximos que esta orde viñera pola mesa sectorial por ser un tema de especial importancia para o persoal que oposita, posto que vai regular a posibilidade ou non de quedar en listaxes de substitucións sen aprobar a primeira proba (exame práctico e teórico) do proceso selectivo.
A mesma orde tamén regulará a posibilidade de anotarse nas posteriores aperturas de listaxes de substitucións.
Ante as numerosas dúbidas que suscita saber cales van ser as titulacións que se considerarán concordantes para cada especialidade, a Consellaría debería negociar o contido da norma que vai regular o futuro do persoal docente galego coa súa representación.