A CIG-Ensino solicita maior transparencia e negociación na Oferta formativa de FP e esixe unha Mesa Sectorial para abordar de forma global a reforma destas ensinanzas

Na reunión do Consello Galego de FP o sindicato maioritario no ensino público galego pediu coñecer os datos da oferta do vindeiro curso cos mesmos parámetros que os do actual para poder facer unha comparativa real dos mesmos.

Así mesmo urxiu á Dirección Xeral de FP a rectificar parte das decisións tomadas de cará á reforma de FP que se comezará a implantar o vindeiro curso e a convocar unha Mesa Sectorial docente na que se aborde a futura Orde transitoria que a Consellaría anunciou que se aplicará no curso 24/25. Os representantes da CIG-Ensino foron moi críticos coa ampliación nun 45% da modalidade dual intensiva, que o ano pasado foi a única que quedou con prazas desertas e esgrimiu datos das altas taxas de abandono que tivo en Galiza o curso pasado. Así mesmo, reiterou as súas críticas á ausencia total de negociación tanto no que ten que ver coa planificación da oferta formativa pública como a falta de transparencia na oferta privada e concertada, que non para de medrar baixo a complicidade da Xunta de Galiza, e pediu explicacións sobre os anuncios electorais referidos ao plan de impulso da FP básica e dun novo centro integrado para estudos sanitarios en Compostela realizados por Rueda e polo conselleiro respectivamente. 

Os representantes da CIG-Ensino neste órgano meramente consultivo fixeron fincapé na necesidade de abordar de forma completa o reaxuste horario dos ciclos -e non por cursos como decidiu facer a Consellaría- tal e como pide o profesorado de FP, tanto o que formou parte dos grupos de traballo como o que non. Así mesmo volver poñer enriba da mesa a proposta de que o módulo de inglés profesional de segundo curso sexa un complemento formativo que non lle reste horario aos módulos profesionais e que se negocie, contando co profesorado, se se incrementa a carga horaria dalgúns ciclos, sobre todo dos medios e superiores, ao máximo que permite a normativa estatal: 2.200 horas na modalidade dual xeral e 2.800 na dual intensiva como unha fórmula para minimizar a perda de calidade que vai supoñer o incremento das horas de formación na empresa e a inclusión dos novos módulos de competencias básicas. Tamén foron moi críticos coa privatización galopante que se está a producir nas ensinanzas de formación profesional e da formación do profesorado, así como coa discriminación do galego tanto nesta formación e nos materiais dos novos módulos como na falta de promoción e axudas para a realización de recursos didácticos na nosa lingua.

Na súa intervención, a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, defendeu a aposta do goberno da Xunta pola dual intensiva e anunciou que se levará á Mesa Sectorial un proxecto de Orde transitoria para a regulamentación da reforma da FP no curso 24/25 para posteriormente elaborar o Decreto de ordenación do sistema de formación profesional galego. Sen fixar a data insinuou que esta mesa non sería antes da aprobación da modificación do RD 659/2023, que está prevista para principios de xullo, así que con toda probabilidade quedará para inicios do vindeiro curso. A CIG-Ensino considera que debera iniciarse canto antes esta negociación e formulou cales son os puntos principais que deberan ser tratados na mesma.

A continuación pódese acceder á intervención completa da CIG-Ensino, así como ás súas propostas, e ás respostas dadas pola directora xeral, tanto no que ten que ver coa Orde de formación profesional para o próximo curso como na transcendente reforma destas ensinanzas que comezará en setembro.

CIG

Intervención da CIG-Ensino no Consello Galego de FP

Ligazón

 

Volver