A CIG-Ensino solicita a intervención da Valedora do Pobo para garantir a gratuidade do uso dos recursos audiovisuais nos centros de ensino
A CIG-Ensino fai esta demanda diante do silencio da Consellaría de Educación despois de que presentaramos case 4.000 sinaturas de profesorado demandando a derrogación da circular
No curso pasado a Consellaría de Educación enviou aos centros a Circular 14/2014 pola que se ditaban instrucións aos centros escolares a respecto da reprodución de obras audiovisuais e da súa limitación como ferramenta no traballo docente. A CIG-Ensino solicitou a súa derrogación na Mesa Sectorial ao considerar unha irresponsabilidade trasladar o problema aos centros educativos e limitar o uso destes recursos, porque de haber algún conflito cos xestores deses dereitos, debería ser a Consellaría a que pagase o uso dos mesmos e non os centros.
A Consellaría non só non atendeu a proposta da CIG-Ensino, senón que, posteriormente, acordou coa empresa privada Motion Picture Licensing Company (MPLC) a utilización dos contidos audiovisuais polo prezo de 1.25€ por alumno/a e ano, como se recollía nunha carta remitida o 24 de marzo aos centros polo director desta empresa.
Diante deste novo atropelo, a CIG-Ensino continuou reclamando a derrogación da Circular 14/2014 e promoveu a recollida de sinaturas do profesorado e dos centros para exixir que se garantise a total gratuidade da utilización dos recursos audiovisuais como recurso pedagóxico e didáctico, tal e como se viña facendo, e que se prohibise o cobro e o negocio de empresas privadas nos centros educativos. Máis de 3886 profesores e profesoras apoiaron este escrito, dirixido ao conselleiro de Educación e entregado no rexistro o día 10 de xuño de 2015.
No inicio deste curso escolar, 2015-2016, esta circular non só no foi derrogada, senón que os centros volveron recibir unha carta con “novos prezos” que van dos 200 €, no caso dos centros con 300 alumnos, aos 995 €, en caso de superar os 1500, ou sexa, unha operación recadatoria que emprende de novo MPLC e Licencia Educativa Egeda, avalada pola Consellaría, que podería superar os 400.000 €.
Visto o afán da Consellaría de fomentar o negocio privado a expensas dos orzamentos dos centros educativos e o seu desinterese pola calidade do ensino, a CIG-Ensino volveulle demandar po escrito ao conselleiro a prohibición do cobro, do negocio e do control de empresas privadas no centros educativos e a garantía da total gratuidade da utilización dos recursos audiovisuais como recurso pedagóxico e didáctico, tal e como se viña facendo até o de agora.
Así mesmo, a CIG-Ensino tamén denunciaba e exixíalle á Consellaría que deixase de consentir a caza de bruxas que estaba levando a cabo a empresa Motion Picture Licensing Company, que, mediante un escrito remitido aos centros, daba a entender que o pagamento do uso destes recursos tiña que ser feito antes do 15 de outubro, data en que remataba a validez dos prezos indicados, e demandáballes literalmente que “se no seu centro non se están usando materiais audiovisuais, rogámoslle que igualmente o comunique.”
Por todo isto a CIG-Ensino solicita á Valedora do Pobo que, ante a ausencia de resposta da Consellaría e da súa desconsideración coas demandas do profesorado, interveña a fin de que o profesorado continúe a poder facer un uso gratuíto dos medios audiovisuais como ferramenta imprescindíbel para o traballo docente.