A CIG-Ensino solicita a dimisión da directora xeral de FP

Por despotismo e por planificar a desaparición paulatina destas ensinanzas en lugar de promocionalas e reforzalas

Baixo o lema NON AOS RECORTES E AO AUTORITARISMO NA FP, o sindicato insta a todos os centros que se ven afectados polo cambio da oferta ordinaria e modular á de distancia e pola expansión da dual a mobilizarse e amosar o seu rexeitamento a unha estratexia que levará a recortes importantes de profesorado.

O sindicato maioritario no ensino público galego non para de recibir queixas do profesorado de FP desde que a última hora, con premeditación e aleivosía e só con 24 horas para reaccionar, a Consellaría lles remitira aos centros unha proposta pechada de oferta formativa para o vindeiro curso académico. Tal e como denunciou a CIG-Ensino, á tendencia xeral xa coñecida de apostar pola dual uniuse outra estratexia até o de agora inaudita: promocionar a FP a distancia, incluso de forma parcial, chegando a substituír en moitos centros por esta modalidade a oferta modular ou mesmo ordinaria presencial. O IES Chapela de Redondela, o CIFP A Xunqueira de Pontevedra, O IES As Fontiñas de Santiago ou o CIFP Ánxel Casal da Coruña son algún dos centros que se verán afectados por esta reordenación educativa. Ao mesmo tempo vaise filtrando á prensa os novos ciclos que lles foron concedidos aos centros concertados e privados e que se lle negan aos públicos nunha clara aposta pola privatización destas ensinanzas.  

A CIG-Ensino vese abocada a pedir a dimisión da directora xeral de FP ou a súa destitución inmediata por parte do conselleiro do Educación despois de que o seu departamento, sen previa negociación nin co profesorado nin coa súa representación sindical, lle remitira aos centros este luns unha proposta de oferta formativa para o vindeiro curso con apenas 24 horas para avaliala. Nesta proposta constátase parte da folla de ruta que xa se coñecía por parte da Consellaría, como é a aposta pola modalidade dual, aínda que tal e como puxo de manifesto a CIG-Ensino nin sequera se atende a demanda do tecido empresarial nalgunhas familias profesionais como a de Hostalaría e Turismo e a de Cultivos Acuícolas. Porén, hai un novo elemento que fixo saltar todas as alarmas nos centros de ensino e que consiste nun incremento exponencial dos ciclos a distancia, tanto no que ten a ver cos de nova implantación, como na substitución de oferta que até o de agora viña sendo presencial, ou ben na modalidade ordinaria ou na modalidade modular.Hai casos especialmente rechamantes que afectan especialmente ás familias profesionais de Servizos Socioculturais e á Comunidade, Administración e Xestión, e Informática e Comunicacións. En concreto, e só por citar algúns exemplos, no departamento de Servizos á Comunidade do CIFP A Xunqueira de Pontevedra suprimen un ciclo de FP básica e transforman dous ciclos superiores ordinarios na modalidade a distancia, nun caso incluso con oferta parcial de módulos, a falta de concretar se o vindeiro ano van poder impartir os segundos cursos destes ciclos. Algo que no CIFP Ánxel Casal da Coruña xa lles comunicaron que non ía ser posíbel e que afecta tamén a tres Ciclos superiores desta familia profesional (Integración Social, Mediación Comunicativa e Educación Infantil) que só se poderán rematar na modalidade online. A medida no centro coruñés implica deixar tirados a máis de 80 alumnos e alumnas que cursan 1º este ano.

A propaganda do PP fronte á realidade: recortes de profesorado no curso 24/25

Esta estratexia, tal e como alertou a CIG-Ensino, serve por un lado para “inflar” as cifras da oferta global que se anunciará nos vindeiros días, dado que a matrícula nun ciclo a distancia soe ser de 50 alumnos e alumnas mentres que nun ordinario ou modular é de entre 18 e 30. Isto vaille permitir á Consellaría seguir coa súa política de propaganda porque obviamente non é o mesmo incrementar 5.000 prazas na modalidade ordinaria que a distancia, mentres que o número de profesorado apenas vai aumentar. Alén disto xa se coñece tamén pola prensa o incremento na oferta educativa que van ter algúns centros concertados e privados. En concreto, na familia profesional de Servizos Socioculturais e á Comunidade mentres se transforman os dous ciclos superiores do IES Chapela en oferta online concédeselle ao CPR María Inmaculada de Vigo 4 unidades do CM de Atención a persoas con dependencia de 30 alumnos e alumnas cada unha.

Á vista destas manobras, a CIG-Ensino acusa á Consellaría de enganar o profesorado e alerta de que tanto o fomento da FP a distancia como da dual (lembremos que na modalidade intensiva o alumnado pode estar até o 50% do horario total do ciclo na empresa) vai significar unha redución importante de postos de traballo, comezando xa no próximo curso escolar, aínda que con maior intensidade a partir do curso 2024/25. O sindicato acusa á Dirección Xeral de FP de desmantelar estas ensinanzas en Galiza nun momento en que debían ser potenciadas e reforzadas. A Consellaría é plenamente consciente de que o nivel da calidade formativa, sobre todo nos estudos de carácter máis técnico ou práctico, diminúe ostensibelmente ao ser online e está actuando de forma premeditada para ir deixando morrer estas ensinanzas e centralizalas na nova rede paralela que pretende montar para as ensinanzas de persoas adultas centralizada nun “chiringuito”, o IGALVA, cuxa creación está prevista na Lei de Aprendizaxe ao Longo da Vida Adulta que vai ser remitida en breve ao Parlamento por parte da Xunta.

A CIG-Ensino anima a todos os centros e ao profesorado afectado por esta estratexia a que aproben resolucións de claustro ou acordos de departamento e que as eleven á inspección, á xefatura territorial correspondente e á Dirección Xeral de FP para amosar o seu malestar polo desprezo ao que foron sometidos durante todo o deseño da oferta formativa e polas consecuencias laborais e académicas que van ter as decisións tomadas por esta DX.

Ao tempo, o sindicato chama o profesorado a concentrarse nos propios centros de traballo o venres 16, empregando o lema

NON AOS RECORTES E AO AUTORITARISMO NA FP

CIG-Informa solicitando a dimisión ou cese da directora xeral de FP

Documento


Volver