A CIG-Ensino solicita a convocatoria da Mesa Sectorial para negociar xa a orde de integración de PTFP no corpo de PES

O RD de integración publicouse hoxe no BOE e entra en vigor mañá 6 de outubro

Tras a publicación no día de hoxe do Real Decreto 800/2022 polo que se regula a integración do corpo a extinguir de PTFP no corpo de PES, a CIG-Ensino vén de se dirixir á Dirección Xeral de Centros e RR.HH. para que proceda a convocar canto antes unha Mesa Sectorial para tratar a orde que é necesario publicar para proceder a esa integración. 

Nesa reunión a CIG-Ensino demandará que a convocatoria do proceso sexa inmediata e que se recollan aspectos que o sindicato defendeu tanto na Mesa estatal como na galega: 

  • axilizar a convocatoria para facer efectivo, á maior brevidade posíbel, o pagamento de todos os atrasos desde a data de entrada en vigor da LOMLOE (19/01/2021) ou desde a data de incorporación ao corpo, para quen accedeu con posterioridade a aquela data e non tiña servizos previos.
  • o dereito do persoal interino a cobrar como PES desde a entrada en vigor da lei ou, de ser o caso, desde que comezou a prestar servizos, se foi nunha data posterior.
  • a negociación do pago dun complemento compensador para quen non poida integrarse e quede a extinguir no corpo de PTFP ou quede adscrito ao novo corpo de Profesorado Especialista de Sectores Singulares de FP (PESSFP).
  • a negociación dun plan de licenzas de formación específico para aquel profesorado que, carecendo da titulación requirida para a integración no corpo de PES, teña a posibilidade de rematar os estudos de grao antes do 19 de xaneiro de 2026.

Modificación das convocatorias do concurso excepcional de estabilización

A CIG-Ensino púxose en contacto coa Dirección Xeral, unha vez que xa se publicou no BOE o RD de integración do corpo de PTFP no de PES. A publicación desta norma implica que non exista motivo para facer dúas convocatorias diferenciadas do proceso de estabilización. O novo RD tamén contén no apartado 8 da Disposición Final 1ª a modificación agardada do RD 276/2007 de ingreso, no sentido de incorporar o apartado 2.5 (dominio de linguas estranxeiras). O sindicato entendía que ese cambio obrigaba á Consellaría a mudar a previsión de manter as dúas convocatorias por separado.

A Consellaría confirmounos que van unificar ambas convocatorias e que os cambios a nivel informático, xunto cuns cambios de códigos de especialidades comunicados polo MEFP no día de hoxe, implicarán un retraso sobre as datas previstas. Sen confirmarnos unha data fixa, teñen a previsión de que a publicación no DOG da convocatoria non será até finais de outubro ou comezos de novembro. 

Erros nos certificados de fases de oposición aprobadas

A Consellaría confirmou, despois das xestións realizadas pola CIG Ensino, que se están emitindo certificados de fase de oposición aprobada a persoal que non superou a dita fase e que están traballando para solucionar a incidencia, polo que actualmente atópase bloqueada temporalmente a posibilidade de descargar os ditos certificados.

Volver