A CIG-Ensino sinala que se están cubrindo substitucións mediante a modificación de horarios do persoal dos CIFPS

A Consellaría non pode permitir que as direccións dos centros eviten contratar persoal substituto mediante a distribución da carga lectiva entre os membros dun departamento

Desde o sindicato denuncian que esta decisión non se corresponde co que vén expresamente recollido na RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2022 pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de FP no curso 2022/23 na que non se abre a porta a que se substitúa a tempo completo a unha persoa, en situación de licenza ou permiso, mediante a redistribución do seu horario entre os seus compañeiros e compañeiras, senón que a modificación de horario do profesorado de FP mentres o alumnado está cursando a FCT está definida para actividades concretas e debe ser validada pola inspección educativa. A CIG-Ensino xa alertou no seu momento que tanto na Orde que regula o calendario escolar como na que regula o funcionamento dos CIFP se abre a porta para que as direccións poidan tomar decisións arbitrarias que, como agora se constata, van máis alá do que a propia normativa sinala.

A CIG-Ensino foi coñecedora de que nalgún Centro Integrado de FP se está vulnerando a normativa de desenvolvemento destas ensinanzas de forma discrecional ao modificar o horario do persoal docente a estas alturas de curso sen atender ás casuísticas recollidas nas instrucións que para cada curso dita a Consellaría. En concreto, durante o último trimestre no que unha parte do alumnado de segundo curso de ciclos está realizando a FCT e outro recuperando os módulos non superados, o horario do profesorado reformúlase para adaptalo ás novas necesidades educativas do centro, máis en ningún caso esta modificación pode servir para que non se contrate persoal substituto se un ou unha docente por calquera circunstancia pasa a estar nunha situación de permiso, licencia, excedencia etc. En concreto, o sindicato alerta que se está a distribuír o horario completo dunha persoa nesta condición entre varios membros do departamento, unha práctica que até agora non se tiña producido e que vulnera as competencias que si están recollidas na citada normativa e que son as seguintes: 

a) Impartición e avaliación de actividades de recuperación ao alumnado que teña pendente de superar algún módulo profesional. Para tal fin, a persoa responsable da xefatura de estudos, co apoio do titor ou a titora do ciclo formativo, elaborará o novo horario do profesorado que resulte con horas vacantes.
b) Apoio nos módulos con alumnado repetidor, pertencente a ciclos formativos da mesma familia profesional, para os cales se teña atribución docente, segundo figura nos decretos que regulan os correspondentes currículos.
c) Apoio á titoría de ciclos formativos e á coordinación e ao seguimento da FCT e do módulo de Proxecto, no caso de ciclos formativos de grao superior.
d) Apoio á titoría e á impartición de ciclos formativos na modalidade de formación profesional dual.
e) Apoio á coordinación e á impartición de ciclos formativos plurilingües.
f) Realización de accións de desenvolvemento do emprendemento ou, de ser o caso, apoio aos viveiros de empresas dos centros educativos.
g) Realización de accións de desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica, científica ou didáctica no ámbito da formación profesional.
h) Impartición de actividades de formación profesional para o emprego, en caso de estaren autorizadas no centro educativo.
i) Realización de operacións programadas polo departamento para a mellora das instalacións onde se imparta o ciclo formativo.
j) Participación nas actividades de actualización e formación que convoque a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
k) Impartición de actividades formativas e accións que se desenvolvan nos centros integrados de formación profesional.
l) Outras que a dirección do centro lle encomende, dentro do seu ámbito de competencias. 

Desde a CIG-Ensino ínstase á Consellaría a que se cubran as vacantes de substitucións que se produzan nestes momentos de curso porque especialmente nos centros integrados e ante os numerosos cambios que se van producir na Formación Profesional os vindeiros cursos, o profesorado destas ensinanzas ten atribuídas múltiples competencias, tanto docentes como burocráticas, neste terceiro trimestre. Ademais, entende que de ningunha maneira se debe restrinxir a posibilidade de que unha persoa que estea nas listaxes de substitución traballe e, polo tanto, atenda o alumnado de forma moito máis eficiente a tempo completo e non distribuíndo o horario da persoa titular da praza entre distinto profesorado, sobrecargándoo con funcións que non figuran nas instrucións para adaptar os horarios.

Volver