A CIG-Ensino rexeitará na reunión co Ministerio de Educación a exixencia da realización dunha proba en idioma estranxeiro para acceder a función pública docente

Para a CIG-Ensino a administración educativa debe garantir a formación dixital unha vez superado o proceso selectivo

Este martes, 29 de abril, está prevista unha reunión do Ministerio de Educación coas organizacións sindicais, co obxecto de tratar a proposta presentada para o acceso á función pública do profesorado. O Ministerio na súa convocatoria cítanos para supostamente tratar o borrador do Estatuto Docente sen achegar ningunha proposta, limitándose exclusivamente a remitirnos un texto relacionado co acceso. A CIG-Ensino, entre outras propostas, rexeitará a pretensión do Ministerio de fixar a realización dunha proba en idioma estranxeiro e de exixir competencia dixital para acceder á función pública docente.

A CIG-Ensino exixirá na reunión do martes 29 de abril, antes de calquera negociación do futuro estatuto, que é imprescindíbel que se retiren todas as medidas de recortes aplicadas no ámbito educativo e que se restitúan todos os dereitos laborais, profesionais e salariais.

A CIG-Ensino, entre outras propostas, rexeitará a pretensión do Ministerio de fixar a realización dunha proba en idioma estranxeiro e de exixir competencia dixital para acceder á función pública docente.

A exixencia de realizar unha proba en idioma estranxeiro carece de xustificación posíbel e supón un desatino total, xa que as probas de acceso o que deben amosar son os coñecementos específicos da propia especialidade e unha ampla e axeitada formación pedagóxica, así como o dominio das habilidades necesarias para o desenvolvemento do exercicio docente. Non deixa de ser sorprendente que se propoña unha proba en lingua estranxeira cando se eliminou a realización dunha das probas da oposición en galego e cando non se garante o dominio suficiente do noso idioma para os e as que acceden á docencia.

Respecto da competencia dixital que propón o Ministerio, a CIG-Ensino considera que non debe formar parte do acceso á función pública docente. Esta competencia e formación debe ser garantida pola Administración educativa, mediante a formación específica, adaptada aos corpos e especialidades correspondentes, unha vez superada a oposición. 

Por outra parte, consideramos totalmente discriminatorio que se abra a posibilidade de poder exixir experiencia profesional para acceder a algúns corpos e especialidades, pois isto limitaría a posibilidade de acceso exclusivamente a un número reducido de persoal.  

Finalmente, a CIG-Ensino proporá que os territorios con lingua propia poidan determinar unha porcentaxe do temario que se determine, co obxecto de inserir o ensino na súa realidade nacional, cultural, histórica e lingüística.

Volver