A CIG-Ensino rexeita o sistema de renovación das direccións dos equipos directivos

A CIG-Ensino reclama a retirada da Orde de Avaliación das Direccións

Esta norma en nada beneficia ás direccións que teñan a intención de continuar exercendo, xa que quedan moi condicionados na súa actuación. Por outro lado é unha nova desautorización do profesorado.

Na Mesa Sectorial de hoxe tratouse a Orde de avaliación das direccións. A CIG-Ensino pediu a retirada da orde, pois faculta á Consellaría a utilizar esta orde para dar continuidade ás direccións que lle son máis cómodas, impedindo o acceso doutras persoas ao exercicio da dirección dos centros educativos, un verdadeiro filtro para manter no cargo a direccións afíns que non lle presenten oposición. Ademais, con esta mesma orde pretenden valorar se unha dirección pode ou non consolidar o complemento de dirección, tamén como mecanismo para exercer o control sobre as direccións.

A CIG-Ensino deixou constancia desde o inicio da Mesa do seu rexeitamento do sistema de establecemento das direccións, ao que xa se opuxo no seu día. Para a CIG-Ensino a mellor maneira de establecer a dirección dun centro é a través da elección directa dos membros do Claustro e do Consello Escolar, sendo esta a mellor avaliación que existe do labor desenvolvido por unha dirección. En coherencia con esta posición, a CIG-Ensino reclamou que se se mantiña a orde de avaliación os informes do Claustro e do Consello Escolar fosen vinculantes.

A intención de control da Administración queda patente ao longo do documento: para realizar a avaliación procura unha hiperrepresentación da inspección que non só vai emitir informe sobre o director ou directora, senón que tamén vai estar presentada na Comisión que realizará a avaliación, na que a Consellaría se reserva a maioría dos votos, tres de cinco. A CIG-Ensino reclamou a eliminación do informe da inspección e a redución da presenza da inspección na Comisión. Ademais reclamou que os directores ou directoras que formen parte da comisión sexan elixidos a sorteo.

A CIG-Ensino puxo en evidencia a perversidade deste sistema que pretende avaliar o traballo desenvolvido polas direccións en materia de xestión de recursos e atención á diversidade cando durante estes dous últimos cursos a tónica dominante foi a negación da Consellaría a dotar os centros co persoal necesario, ou avaliar a realización de actividades extraescolares, cando están truncada pola inexistencia de transporte en horario de tarde.

A CIG-Ensino propuxo que, en todo caso, a normalización da nosa lingua sexa un dos criterios a ter en conta para realizar o informe sobre o desenvolvemento do labor de dirección, proposta que foi aceptada. 

Esta norma en nada beneficia ás direccións que teñan a intención de continuar exercendo, xa que quedan moi condicionados na súa actuación. Por outro lado é unha nova desautorización do profesorado, ao que se lle seguen substraendo competencias e funcións. Se realmente se quere valorar o traballo desenvolvido polo profesorado cómpre darlle a capacidade de decisión, entre outros, nun tema de tanta importancia como é a dirección do seu centro de traballo.

Posición da CIG-Ensino sobre a renovación das direccións

Volver