A CIG-Ensino rexeita o borrador para derrogar o Decreto 124/2007 porque supón unha involución na normalización lingüística e unha agresión ao noso idioma. Nesta páxina tamén podes ver a proposta.

Borrador Decreto Galego

A CIG-Ensino rexeita rotundamente a proposta de novo decreto presentado hoxe por Núñez Feijoo para derrogar o Decreto 124/2007. Este borrador é unha nova agresión ao noso idioma e un paso máis do Partido Popular para reducir os dereitos lingüísticos das galegas e dos galegos. Unha agresión que se efectiviza durante as festas do Nadal, en plenas vacacións escolares, agardando ao día 30, con nocturnidade e covardía, procurando que non haxa contestación social, o que pon en evidencia a mala conciencia deste goberno que sabe que está a atacar os dereitos das galegas e dos galegos. Nesta páxina tamén podes ver a proposta.
A CIG-Ensino rexeita o borrador para derrogar o Decreto 124/2007 porque supón unha involución na normalización lingüística e unha agresión ao noso idioma. 

A CIG-Ensino rexeita rotundamente a proposta de novo decreto  presentado hoxe por Núñez Feijoo para derrogar o Decreto 124/2007. Este borrador é unha nova agresión ao noso idioma e un paso máis do Partido Popular para reducir os dereitos lingüísticos das galegas e dos galegos. Unha agresión que se efectiviza durante as festas do Nadal, en plenas vacacións escolares, agardando ao día 30, con nocturnidade e covardía,  procurando que non haxa contestación social, o que pon en evidencia a mala conciencia deste goberno que sabe que está a atacar os dereitos das galegas e dos galegos.
A CIG-Ensino esixe a retirada deste borrador e o mantemento do Decreto vixente (124/2007), única ferramenta posíbel para garantir os dereitos das galegas e dos galegos, o cumprimento da Lei de Normalización Lingüística e da Carta europea das linguas que obriga ao goberno galego a poñer os medios necesarios para a aprendizaxe do noso idioma como única medida que garante o cumprimento da Declaración Universal dos Dereitos lingüísticos.
Este borrador foi elaborado para perpetrar unha agresión importante contra o noso idioma, un novo decreto co que se reduce substancialmente  a presenza do galego, tinxido por un verniz de modernidade, o trilingüismo, que na práctica se vai traducir en que o noso idioma non conseguirá ter unha presenza superior a un terzo do horario lectivo e sen a garantía de que as materias a impartir no noso idioma sexan materias “troncais” que contribúan ao prestixio da lingua. Un borrador que entra en contradición coa recente sentenza do Tribunal Supremo que declara con carácter definitivo que é a Administración a única responsábel de establecer a lingua vehicular no ensino e que debe cumprir o recollido no artigo 5 do estatuto de Autonomía e na Lei de Normalización Lingüística: “Os poderes públicos de Galicia ... potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento” e que no seu argumentario deslexitima que a lingua de escolarización das nenas e dos nenos estea supeditada á elección dos pais, como recolle o borrador. En consecuencia o sistema educativo como servizo público e a vehiculización do ensino en galego afectan e corresponden ao conxunto de todos e todas as galegas.
Este borrador é o colofón a un proceso de involución e agresión permanente ao noso idioma,  concretado en que nas ordes de licenzas por estudos o profesorado candidato non teña que demostrar a capacitación no noso idioma, na eliminación da dotación orzamentaria para os programas de inmersión en galego en EI, na supresión da esixencia de realizar unha proba en galego no acceso á función pública, na elaboración dunha enquisa fraudulenta, no desmantelamento do modelo de Galescolas, na utilización de fondos públicos para pagar publicidade en español, na redución do número de premios á innovación en normalización lingüística, na eliminación das axudas á tradución, na non publicación co inicio do curso das axudas para os Equipos de Normalización, a redución destas axudas nun 20% e na redución dos orzamentos para o ano 2010 dun 20% para a normalización lingüística desaparición da partida orzamentaria do cuarto trimestre do ano 2009. E finalmente, na presentación desta nova agresión á lingua que é o borrador do novo Decreto.
A CIG-Ensino non vai participar en ningún tipo de manobra confusionista nin consenso que avale este ataque sen precedentes ao noso idioma ou que signifique o mínimo retroceso en materia lingüística que hoxe recolle o actual decreto 124/2007 de uso e promoción do galego no ensino.
 
Ante este novo ataque, a CIG-Ensino, como ten anunciado, conxuntamente coa Plataforma Queremos Galego, levará a cabo unha folga no ensino o día 21 no ensino.Con esta folga xeral do ensino daremos contestación a esta nova agresión coa que o Goberno da Xunta e o seu presidente Núñez Feijóo pretenden reducir os dereitos das galegas e dos galegos e moi especialmente os das xeracións máis novas, reducindo o seu contacto co noso idioma e, deste xeito, o seu recoñecemento como galegas e galegos.

Nesta ligazón podes ver as Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia: Ligazón

Volver