A CIG-Ensino rexeita o acordo de agrupamentos de alumnado de diferentes cursos, ciclos, etapas e impugnará o dito acordo por negociarse á marxe da mesa coas outras OOSS, co obxecto de excluír á CIG

Acordo agrupamentos infantil e primaria

Na Mesa Sectorial do 22 de xuño, a CIG-Ensino manifestou o seu rexeitamento á proposta da Consellaría de Educación de levar a cabo agrupamentos de alumnado de diferentes cursos, ciclos e mesmo etapas, nunha mesma aula. A partir dese día e á marxe da Mesa, estiveron levándose a cabo negociacións da Consellaría cos outros sindicatos, marxinando á CIG, organización maioritaria do profesorado. Estamos diante dunha actitude sectaria e antidemocrática da Consellaría de Educación, co beneplácito das outras organizacións sindicais que marxinan a forza sindical que representa o 40% do profesorado, para así asinar un acordo, en pleno período de vacacións, e sen contar, nin sequera, coa opinión dos centros e profesorado afectado.
NOTA DE PRENSA
A CIG-ENSINO REXEITA O ACORDO DE AGRUPAMENTOS DE ALUMNADO DE DIFERENTES CURSOS, CICLOS E ETAPAS E IMPUGNARÁ O DITO ACORDO POR NEGOCIARSE Á MARXE DA MESA COAS OUTRAS OOSS, CO OBXECTO DE EXCLUÍR A CIG
Na Mesa Sectorial do 22 de xuño, a CIG-Ensino manifestou o seu rexeitamento á proposta da Consellaría de Educación de levar a cabo agrupamentos de alumnado de diferentes cursos, ciclos e mesmo etapas, nunha mesma aula.
A partir dese día e á marxe da Mesa, estiveron levándose a cabo negociacións da Consellaría cos outros sindicatos, marxinando á CIG, organización maioritaria do profesorado. Estamos diante dunha actitude sectaria e antidemocrática da Consellaría de Educación, co beneplácito das outras organizacións sindicais que marxinan a forza sindical que representa o 40% do profesorado, para así asinar un acordo, en pleno período de vacacións, e sen contar, nin sequera, coa opinión dos centros e profesorado afectado.
Estamos ante un acordo pensado, exclusivamente, para suprimir unidades escolares. De feito, máis de 150 unidades serán suprimidas para o vindeiro curso e non para reducir as altas rateos de alumnos/as por aula que seguirán en vigor.
Ademais das razóns anteriormente expostas, a CIG rexeita este acordo por:
·         Non asume que os agrupamentos serán excepcionais, e que se contará coa opinión dos centros afectados.
·         Mantén a rateo de 25 alumnos/as por aula, malia o recollido no programa electoral do PP que fixa en 15 o número de alumnos/as do mesmo nivel por aula.
·         Estabelece un número moi alto de alumnos/as para levar a cabo os diferentes agrupamentos. A CIG propuxo para levar a cabo os agrupamentos as seguintes rateos: en Infantil, máximo de 10 alumnos/as; en Primaria, 12 se se agrupan diferentes cursos dun mesmo ciclo e 8 se se agrupa alumnado de diferentes ciclos.
·         Parte de criterios economicistas en vez de atender a criterios pedagóxicos.
·         Vai supor unha oferta educativa de peor calidade no medio rural
·         Vai eliminar un número importante de postos de traballo.
 
Lamentamos que as outras organizacións sindicais veñan de referendar en períodos vacacionais e de costas ao profesorado coa súa sinatura a supresión un número importantes de unidades e a agrupamentos de alumnado baixo criterios exclusivamente de aforro económico e no de calidade do ensino.
 
A CIG-Ensino non aceptará que se leven a cabo supresións ou agrupamentos que non sexan consensuados cos centros afectados e negociados nas Xuntas de Persoal, e vai impugnar o acordo asinado, por non se axustar ao negociado na Mesa Sectorial, estabelecendo unha serie de competencias para a comisión de seguimento que ten como único obxecto excluír a CIG-Ensino de futuras negociacións, e, polo tanto, a un 40% do profesorado.
 
Santiago, 10 de xullo de 2009

Volver