A CIG-Ensino rexeita as actuacións de censura expresa por parte da Consellaría de Educación nos centros educativos
O caso da exposición literaria do IES Punta Candieira de Cedeira é unha mostra máis de inxerencia e de introdución da prepotencia no funcionamento ordinario dos centros de ensino en Galiza.
O sindicato denuncia a actuación do inspector do centro e do xefe territorial que deron ordes verbais á dirección do centro para retirar a exposición, nunha nova mostra dun autoritarismo que neste caso vai da man da prepotencia e o uso indebido da xerarquía funcional, xa que non houbo ningún escrito senón chamadas telefónicas con instrucións claras para censurar a liberdade de expresión.
A CIG-Ensino amosa o seu total rexeitamento á actitude manifestada pola Consellaría unha vez máis no caso da retirada da exposición literaria organizada pola Biblioteca Escolar do IES Punta Candieira de Cedeira. Non é a primeira vez que se dan actuacións por parte da administración ou mesmo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado a raíz de denuncias anónimas, ben sexa por parte de persoal docente ou doutros membros da comunidade educativa, que violentan o normal funcionamento dos centros educativos.
Unha representación do sindicato trasladouse hoxe mesmo ao instituto cedeirés para obter toda a información sobre o acontecido e reunirse co profesorado afectado e co equipo directivo. Segundo a información obtida no centro, o inspector do centro, nun alarde de prepotencia e falta do mínimo rigor profesional, tería ordenado telefonicamente á dirección a retirada da exposición. Foi a intervención posterior do xefe político da Consellaría de Educación, de novo a través do inspector do centro, o que provocou que, sen que desde o equipo directivo se cuestionase a legalidade da instrución recibida, finalmente se aplicase a censura sobre o material literario confeccionado polo alumnado do centro como froito dun traballo colectivo desenvolvido tras un taller literario.
Estariamos, por tanto, diante dunha combinación que non é nada inusual nalgúns responsábeis políticos da administración educativa e dalgúns inspectores que parecen máis comisarios políticos da dereita máis reaccionaria que funcionarios que velan polo bo funcionamento dos centros educativos: a prepotencia, o abuso de autoridade e a imposición da man da covardía e da falta de respecto ás normas mais elementais. Só así se pode cualificar o feito de que se dean ordes da relevancia que ten a censura duns textos literarios sen mediar comunicación formal nin fundamentación xurídica.
A introdución deste tipo de “actuacións pseudopoliciais con denuncias anónimas, retiradas cautelares de obras artístico-literarias realizadas por parte da comunidade educativa e chamadas á orde” non poden ser de ningún xeito amparadas e mesmo impulsadas por unha administración que ten desde logo outras competencias máis importantes das que encargarse, e entre elas está a de velar porque se cumpran as liberdades profesionais, laborais e académicas do persoal docente e o fomento dunha educación en valores que forme a un alumnado con capacidade crítica para se desenvolver con liberdade e autonomía na nosa sociedade.
Desde a CIG-Ensino aplaudimos o comportamento exemplar do equipo docente obxecto dos ataques da administración así como a resposta do alumnado do centro. Por último, tamén queremos apoiar o ofrecemento do Concello de Cedeira para que a exposición teña cabida en instalacións municipais e facemos un chamamento a facer da nosa liberdade de cátedra e da capacidade crítica do noso alumnado bandeira do que debe ser un ensino público refractario á censura e a imposición de ditados políticos propios da dereita máis desnortada.