A CIG-ENSINO rexeita a existencia de Centros Integrados privados concertados e a liquidación da xestión democrática

Publicouse no DOG o Decreto dos centros Integrados de FP

A CIG-ENSINO recorreu no seu momento o Real Decreto 1558/2005 que constitúe a normativa estatal básica referente aos Centros Integrados de FP, estando o recurso interposto admitido a trámite no Tribunal Supremo, por considerar que invadía competencias das Comunidades Autónomas. Tivemos que actuar deste xeito ante a actitude pasiva da Consellaría de Educación que fixo deixamento das súas competencias e responsabilidades ao non recorrer a citada norma.

A CIG-ENSINO rexeita o Decreto publicado hoxe no DOG que regula os centros integrados de FP na Galiza por contemplar a existencia de Centros Integrados privados concertados e liquidar a xestión democrática


A CIG-ENSINO recorreu no seu momento o Real Decreto 1558/2005  que constitúe a normativa estatal básica referente aos Centros Integrados de FP, estando o recurso interposto admitido a trámite no Tribunal Supremo, por considerar que invadía competencias das Comunidades Autónomas. Tivemos que actuar deste xeito ante  a actitude pasiva da Consellaría de Educación  que fixo deixamento das súas competencias e responsabilidades ao non recorrer a citada norma.

 

O Decreto publicado agora para regular os Centros Integrados de FP na Galiza reproduce, polo tanto, todos os aspectos regresivos contemplados na lexislación estatal entre os que cómpre salientar a posibilidade de que existan Centros Integrados  privados concertados, aos que ademais se lles pode autorizar para realizar actuacións que deberían ser exclusivas dos centros públicos, como participar nos procesos de avaliación e recoñecemento de competencias profesionais  adquiridas polas persoas por vía laboral ou outras vías non formais.

 

A CIG-ENSINO sempre defendeu e segue a defender o carácter exclusivamente público dos Centros Integrados por considerar que estes centros teñen que cumprir un papel de referente para os demais centros de FP en innovación, aplicación de novas tecnoloxías, formación do profesorado, etc... e ademais debe planificarse a súa creación en función dun maior desenvolvemento dos sectores económicos estratéxicos para o País e das necesidades do tecido produtivos nas distintas comarcas. Neste sentido, no marco do II Plano Galego de FP, xa demandamos o compromiso das administracións educativa e laboral de establecer unha rede de Centros Integrados exclusivamente pública.

 

Outro dos aspectos máis negativos do Decreto publicado é o retroceso que se produce na xestión democrática dos Centros Integrados ao contemplarse o nomeamento da dirección dos Centros Integrados polo procedemento de libre designación, tal como se contemplaba na Lei Orgánica das Cualificacións e da Formación Profesional, e asignarlle aos directores e directoras, entre outras, funcións de auténtico xefe de persoal, podendo non só fixar e aplicar a política de recursos humanos senón incluso adoptar as resolucións disciplinarias que corresponda.

 

A CIG-ENSINO ten demandado reiteradamente a modificación da lexislación vixente neste aspecto concreto e considera que, mentres esta non se produza, débese estabelecer un Regulamento Orgánico de funcionamento único para todos os Centros Integrados no que se contemplen mecanismos de participación do profesorado na elección da dirección

Ligazón co decreto
 publicado no DOG

Volver