A CIG-Ensino reúnese no seu Consello Federal para tratar os retos e a acción sindical do segundo trimestre

O sindicato maioritario do ensino público en Galiza analiza a situación da educación en Galiza e céntrase na loita contra os recortes da Xunta

O Consello Federal da CIG-Ensino reuniuse na tarde do día 15 de decembro para tratar temas relacionados coa renovación dos cargos de goberno do sindicato logo da elección no pasado mes de novembro da Executiva Federal. Así, aprobouse o Regulamento da estrutura e funcionamento da Executiva e distribución de responsabilidades e, por outro lado, o proceso poscongresual para renovar as executivas comarcais e locais da CIG-Ensino, nunhas asembleas de afiliación que terán lugar no mes de xaneiro.

A outra parte importante da orde do día estivo protagonizada pola análise de retos e da situación actual da educación galega, na que tivo lugar unha reflexión sobre a situación do profesorado interino e os procesos selectivos que terán que convocarse no ano 2022.

Os debates sobre a acción sindical do segundo trimestre ocuparon unha parte moi importante das intervencións para introducir un mapa de campañas, mobilizacións e accións que se levarán a cabo e que son de vital importancia para garantir unha educación nacional de calidade.

Tamén se avaliaron os obxectivos deste primeiro trimestre escolar, no que as delegadas e delegados da CIG-Ensino visitaron a práctica totalidade dos centros educativos de Galiza. Nestas visitas aos centros recolleuse a preocupación docente e das equipas directivas polos recortes que levou a cabo a Consellaría de Educación en plena pandemia e que se manteñen a día de hoxe. O incremento de contaxios do noso alumnado foi esquecido pola administración, levando a cabo políticas contraditorias que danan a calidade do ensino público, como está ocorrendo este mes ao non cubrir as substitución das baixas docentes.

Profesorado interino

O Consello Federal da CIG-Ensino debateu sobre a situación actual da tramitación da Lei para reducir a temporalidade no sector público e sobre a incidencia que terá nos procesos selectivos no ensino público derivados desta nova lei. Na reunión remarcouse, que será na Mesa Docente estatal, que o sindicato xa exixiu que se convocase canto antes, onde o Ministerio terá que presentar unha proposta. O que está perfectamente claro do actual texto é que está pensado para consolidar prazas e non persoas. As propostas do sindicato irán, neste sentido, dirixidas a reverter na medida do posíbel esta situación e que se asemella o máximo posíbel á proposta estratéxica do sindicato desde hai anos: un sistema de dobre vía, separando as prazas de estabilización das de reposición, permitindo que cada aspirante escolla a que proceso presentarse en función do que considere máis acaído, segundo a súa situación. En ambos casos, con concurso oposición para evitar que a ambos procesos poidan acudir todas as candidatas e candidatos. No caso das prazas de estabilización o maior peso sería para o concurso e no das prazas de reposición sería para a oposición.

En todo caso, como a nova lei só recolle a posibilidade de concurso para a convocatoria excepcional, a CIG-Ensino vai defender, ben sexa na Mesa Docente estatal ou na Mesa Sectorial galega, en función do que corresponda negociar en cada unha, un concurso no que a parte determinante da puntuación recaia na antigüidade na especialidade pola que se opta e na lingua galega como requisito. A CIG-Ensino xa se ten dirixido á Consellaría para que achegue toda a información sobre os criterios para determinar as prazas que deben saír a concurso e a concurso oposición.

A CIG-Ensino fará coincidir unha protesta polos recortes coa reunión da mesa sectorial

A xuntanza tamén serviu para reflexionar sobre a mesa sectorial que acaba de ser convocada para tratar entre outros temas a nova orde de avaliación, mesa que fora reclamada pola CIG-Ensino xa dese o mes de novembro. A organización sindical aproveitará para insistir na loita contra os recortes da Consellaría afeando as últimas decisións que tomou o departamento dirixido por Román Rodríguez como as baixas docentes sen cubrir durante o mes de decembro e a non cobertura de persoal necesario dos cadros de persoal dos centros para o resto do curso académico, máximo despois da decisión de non ampliar o Programa Arco cos docentes que o sistema educativo galego precisa para garantir a calidade educativa na situación actual de pandemia.

Acción sindical 2º trimestre

O Consello Federal tamén incidiu na necesidade de seguir levando a cabo a acción sindical centro a centro no seguinte trimestre, activando o profesorado e as protestas contra os recortes e o empeoramento das nosas condicións laborais e da calidade do sistema educativo público, reforzando a aposta polo contacto directo nos centros de traballo, no que se resolven problemas, dificultades e dúbidas do profesorado con rigor e se canalizan as propostas e debates que a central sindical debe ter presentes, partindo do noso carácter asembleario e da obriga de contar sempre coa opinión do profesorado ao que nos debemos.

Volver