A CIG-Ensino rende contas do traballo sindical realizado nos últimos catro anos no arranque da campaña electoral
Baixo o lema “Coa túa forza” o sindicato aspira a seguir sendo a voz maioritaria do profesorado galego, que está chamado a votar o vindeiro 1 de decembro.
Coincidindo co inicio da campaña das vindeiras eleccións sindicais no ensino público non universitario a CIG-Ensino intenta condensar nun vídeo de catro minutos a intensa e difícil acción sindical realizada durante os últimos catro anos, un período marcado pola pandemia e os cambios lexislativos, pero sobre todo polos recortes da Xunta.
Como vén sendo habitual a CIG-Ensino fai balance e rende contas diante do profesorado galego do intenso traballo sindical desenvolvido no eido do ensino público durante os últimos catro anos, ás portas das eleccións sindicais nas que están chamadas a participar máis de 33.000 docentes o vindeiro 1 de decembro. Mediante a publicación dun vídeo no que se recollen as campañas, as tres convocatorias de folga, as mobilizacións, as negociacións, as accións de formación e o resto deiniciativas que o sindicato maioritario no ensino público non universitario levou a cabo durante este tempo pretende resumir o que foron “os cursos máis duros seguramente para a maioría do persoal docente pero no que este se revelou como un colectivo forte e que foi quen de soster o ensino público en tempos de pandemia, de durísimos recortes aplicados pola Xunta sobre todo nos últimos dous cursos e de numerosos cambios lexislativos”, indica o seu secretario nacional Suso Bermello. O tamén número un da lista pola Coruña dunha candidatura conformada por un total de 963 persoas pecha este vídeo xunto coas outras tres cabezas de lista, Elena Añel por Ourense, Maruxa Martínez por Pontevedra e Laura Arrojo por Lugo, salientando os principais sinais de identidade da CIG-Ensino e resumindo o programa electoral e os principais eixos de traballo para os próximos catro anos. Entre eles, os cabezas de lista sinalan as reivindicacións que unen non só o colectivo docente senón a toda a comunidade educativa: a baixada de ratios, a eliminación da burocratización no ensino, o alixeiramento dos currículos, a recuperación dos dereitos laborais roubados, o reforzo da oferta pública e da atención ao alumnado con diversidade e por suposto a defensa do ensino público galego e en galego fronte aos continuos ataques por parte das políticas do goberno do PP da Xunta que lastran o seu presente e, deste xeito tamén, o futuro da sociedade galega. Con todo, a candidatura da CIG-Ensino quere lanzar unha mensaxe ao colectivo docente de que “mediante a loita e a unión non só foi posíbel a resistencia neste tempo senón que se pode camiñar cara á educación que todas e todos queremos” e anima a votar “polo único sindicato centrado no país, no profesorado e no ensino público galego, que actúa sen prebendas e que non abandona a esencia que o caracteriza a defensa da clase traballadora e dos servizos públicos”.