A CIG-Ensino reitera que é inviábel a “ocorrencia” da directora xeral de FP de que se impartan ciclos que son “a distancia” presencialmente

O sindicato esíxelle que rectifique e que se manteña toda a oferta ordinaria e modular presencial, tal e como demandan centros, profesorado e alumnado, porque, ao igual que aínda vai incorporar nova oferta de dual, está a tempo de reverter esta decisión.

Ante o malestar e a resposta contundente da comunidade educativa de FP máis afectada por esta decisión, a responsábel destas ensinanzas propuxo onte no Consello Galego de FP que “se hai acordo entre profesorado e alumnado” se poida impartir o 100% do horario dun ciclo online de forma presencial, ignorando que a matrícula nesta modalidade é de 50 persoas, o que imposibilita tanto por espazo físico como pola correcta atención do alumnado levar á práctica esta opción.

Aínda coa sorpresa sobre a última “ocorrencia” da directora xeral da FP, a CIG-Ensino amosa a súa total desconformidade con esta “solución”, coa que pretende acalar o malestar provocado nos centros afectados (lembremos que o vindeiro curso descenderán o número de prazas de ciclos ordinarios en 624 e en modular presencial en 1199). Desde o sindicato vólvese reiterar que o cambio das ensinanzas presenciais a distancia responde a unha estratexia clara: vender o incremento global de novas prazas na FP, entre outras cousas porque a matrícula nestes ciclos é de 50 fronte ao abano de entre 20 e 30 nas primeiras. 

Pois ben, precisamente por este número avultado de matrícula é polo que é inviábel o que propuxo onte a directora xeral de FP na reunión do Consello Galego de FP por moito que así o recolla a Orde que regula estas ensinanzas a distancia. Segundo Eugenia Pérez a Consellaría vai incluír na Orde da oferta educativa para o ano que vén unha referencia a que “se existe acordo entre profesorado e alumnado se poida impartir até o 100% do horario dos módulos de forma presencial porque a lei só marca que o mínimo debe ser o 25%”. A CIG-Ensino considera que é "totalmente indigno por parte dun cargo público xogar así co alumnado da FP galega, porque a directora xeral sabe perfectamente que non hai espazo físico nos centros para acoller a 50 persoas nunha aula e porque estas non poderían estar ben atendidas e, no caso de permitirse desdobres, estariamos ante unha fórmula que realmente é a que xa existe, é dicir, idéntica ás ensinanzas modulares presenciais”. Para o sindicato todas as modalidades teñen que convivir pero non pode desmantelarse deste xeito o ensino presencial nunhas ensinanzas eminentemente competenciais e procedimentais.

Polo tanto para a CIG-Ensino esta “enésima fórmula de manipulación das cifras e da realidade por parte da directora xeral ten que seguir contando cunha oposición contundente por parte da comunidade educativa", toda vez que nunca desmentiu que a verdadeira intención da Consellaría é converter todas as ensinanzas para persoas adultas a formato online e que este ensaio coa FP súmase ao que proximamente acontecerá coa ESA e o Bacharelato para persoas adultas”. Tampouco negou onte as cifras destapadas pola CIG-Ensino de recortes de prazas e ciclos presenciais e dun incremento obsceno da oferta dual, nun 136%, para atender a demanda de man de obra barata das empresas e sen garantir a súa inserción laboral posterior, e da de distancia nun 74%, pero a coste de reducir a presencial, e limitouse a dicir que "só o alumnado dos 7 ciclos ordinarios que pasan a distancia poderán rematar estes estudos presencialmente o vindeiro curso”.

Volver