A CIG-Ensino recorrerá perante o Tribunal Supremo a sentenza do TSXG sobre os concertos cos centros que segregan alumnado por razón de xénero correspondentes ao período 2013-2017

O Tribunal Supremo xa declarou ilegais os concertos entre os anos 2009-2012 dándolle a razón á CIG-Ensino

A CIG-Ensino recorrerá en casación ante o Tribunal Supremo a sentenza que vén de ditar o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarando legais os concertos cos centros que segregan alumnado por razón de xénero e que corresponden aos anos que van desde o 2013 ao 2017, despois da denuncia presentada polo noso sindicato.

Sorprende que a mesma Sala do TSXG volva ditar unha sentenza favorábel a estes concertos educativos semellante á ditada en febreiro de 2012. Aquela sentenza, tamén favorábel aos concertos, foi recorrida en casación pola CIG-Ensino ante o Tribunal Supremo que declarou ilegais este tipo de concertos o 17 de xuño de 2014, estimando polo tanto o recurso da CIG-Ensino. É dicir, a CIG-Ensino presentou recurso no TSXG contra os concertos dos anos 2009 a 2012 e o TSXG declarounos legais. Diante desta sentenza, a CIG-Ensino presentou recurso de casación e o Tribunal Supremo deunos a razón e declarounos ilegais. E agora o TSXG reincide cunha sentenza no mesmo sentido cando existe xurisprudencia abundante do Tribunal Supremo en contra de concertar esta modalidade de ensino.

 A propia sentenza que vén de ditar o TSXG recoñece que os concertos educativos adxudicados pola Consellaría a estes centros para os anos 2013-2017 son anteriores á publicación da LOMCE e utiliza como argumentación xurídica única a Lei 17/2012 do 27 de decembro dos presupostos xerais do Estado para o ano 2013, unha normativa que é de rango inferior á LOE,  que era  a lei vixente cando se concederon os concertos no ano 2012.  Ademais a Lei 17/2012, na que o TSXG se basea para apoiar estes concertos, xa existía cando se pronunciou o Tribunal Supremo.

 “A CIG-Ensino, que confía en que o Tribunal Supremo volva darnos a razón, rexeita que unha educación que perpetúa as desigualdades entre mulleres e homes poida ser sostida con fondos públicos”, subliña o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao. “Todo indica, segundo a xurisprudencia que hai neste momento, que o Tribunal Supremo vai volver darnos a razón. A anterior sentenza do Tribunal Supremo tiña que comportar o reintegro ao erario público dos 12 millóns de euros que lle foron concedidos de maneira ilegal ao ensino concertado no período 2009-2012”, engade.

 “Agardamos que definitivamente, despois de que se declararon ilegais os concertos educativos do ano 2009 ao 2013 neste tipo de centros, o Tribunal Supremo declare ilegais os do  período 2013-2017. Mais o combate da CIG-Ensino contra estes concertos educativos retrógrados e contrarios a un ensino coeducativo non vai parar até que se derrogue a LOMCE que pretende darlle cobertura legal, explica Anxo Louzao. A CIG-Ensino tamén denuncia o uso do portal institucional da Consellaría para mentir e atacar á CIG-Ensino pois saben moi ben que leva gañado numerosas sentenzas en  contra das actuacións ilegais e  irregulares de Educación”.

 

Volver